A miniserie 'O Camiño Primitivo' servirá de guía audiovisual para os peregrinos

Valentín García afirma que este traballo mostra á perfección "a capacidade de Galicia para atraer ás persoas que veñen de fóra precisamente apostando polo propio, polo que é autenticamente noso e diferéncianos, como o Camiño de Santiago"
Dous peregrinos, nun momento do documental. XUNTA
photo_camera Dous peregrinos, nun momento do documental. XUNTA

Os peregrinos e todas as persoas interesadas no Camiño de Santiago terán unha nova ferramenta audiovisual na miniserie titulada O Camiño Primitivo.

A miniserie de sete capítulos foi presentada na maña deste mércores polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; a comisaria da organización Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o director, Aitor Rei.

O documental, da firma Boneca Lareta e Prot Comunicación, recibiu axuda do fondo de proxectos culturais de Xacobeo 2021, dependente da Xunta de Galicia.

O primeiro capítulo desta produción audiovisual xa está dispoñible en www.lingua.gal/o-camiño-primitivo, onde, cada luns ás 21:00 horas e durante as próximas semanas, iranse publicando os restantes episodios ata completar os sete da serie.

García afirmou que este traballo mostra á perfección "a capacidade de Galicia para atraer ás persoas que veñen de fóra precisamente apostando polo propio, polo que é autenticamente noso e diferéncianos, como o Camiño de Santiago".

Pola súa banda, a comisaria de Xacobeo 2021 convidou á cidadanía para coñecer e percorrer virtualmente o Camiño Primitivo por medio deste novo proxecto audiovisual, que comparte experiencias de peregrinos "que transmiten perfectamente o espírito xacobeo".

Pereira animou tamén a emprender a experiencia de percorrer algún dos tramos do roteiro xacobeo, neste momento no que xa se reactiva o Camiño de Santiago "dunha maneira segura”.

Neste sentido, anunciou que proximamente se celebrará unha conferencia virtual con responsables de asociacións internacionais do Camiño de Santiago para transmitirlles que o percorrido dos roteiros xacobeos pódese realizar con total seguridade.

O produtor executivo da serie O Camiño Primitivo sinalou que a idea do documental xurdiu das súas propias experiencias no Camiño de Santiago e mostrouse convencido de que o documental servirá de guía aos peregrinos e revalorizará o patrimonio xacobeo.

O Camiño Primitivo, que percorre o interior de Asturias ata Galicia, ten a súa orixe no roteiro seguido polo rei Alfonso II no século IX para visitar a recentemente descuberta tumba do apóstolo Santiago, a primeira peregrinación a Compostela da que se conservan referencias e, por tanto, a máis antiga.

A serie documental mostra en cada un dos seus sete capítulos cada etapa, desde Grandas de Salime (Asturias) ata Compostela, mostrando a súa paisaxe, as súas poboacións e monumentos ou as súas lendas.

Ademais, en todos os episodios hai unha sección denominada Historias peregrinas destinada a entrevistar os camiñantes chegados de diferentes lugares do mundo que percorren este trazado, co fin de coñecer as súas motivacións, sentimentos e experiencias ao longo e lda peregrinación.

O Camiño Primitivo forma parte do fondo que a Consellería de Cultura puxo en marcha ao amparo do plan de reactivación do sector cultural ao comezo da pandemia de covid-19 e ao que as empresas, entidades e profesionais culturais, turísticos e lingüísticos poden presentar os seus proxectos ata o próximo 8 de abril.

Comentarios