A mostra 'Camiños, Paisaxe e Patrimonio' percorre as rutas xacobeas

Román Rodríguez inaugura esta exposición no Gaiás para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos 

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugura a exposición Camiños, Paisaxe e Patrimonio co gallo do Día dos Arquivos.
photo_camera Presentación da mostra. XUNTA

Galicia súmase este mércores á conmemoración do Día Internacional dos Arquivos coa exposición Camiños, Paisaxe e Patrimonio, unha mostra que se serve de documentación, planos, expedientes e imaxes custodiadas nas propias instalacións da Cidade da Cultura para ofrecer un percorrido polos itinerarios da Ruta Xacobea. 

A iniciativa organízase en dez vitrinas, cada unha delas dedicada a unha ruta, nas que se expoñen todo tipo de textos e documentos relacionados destas grandes vías que vertebran o territorio. Todos os elementos que compoñen as mostras forman parte do Arquivo de Galicia, situado á súa vez no Gaiás. 

Estas imaxes, planos e expedientes foron creados para identificar, protexer e promover a difusión destes bens que conforman a identidade do pobo galego e configuran o patrimonio cultural do territorio, e que se sitúan ao longo dos diferentes camiños que conflúen en Santiago de Compostela. 

Os traballos de delimitación, recuperación e posta en valor dos diferentes elementos arquitectónicos, paisaxísticos e culturais requiren, á súa vez, dun labor de catalogación e ordenación de todo tipo de documentos e información, como a que esta almacenada nos diferentes arquivos municipais e autonómicos do territorio. 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou este mesmo mércores o importante papel dos expertos nestes emprazamentos, en moitos casos oculto ou con falta de visibilidade, pero que resulta "fundamental" para a configuración dun relato histórico "veraz" e dun "coñecemento sólido".

XERAR SINERXÍAS. Rodríguez participou na inauguración desta mostra na Biblioteca e Arquivo de Galicia, situada no recinto da Cidade da Cultura, coa que se busca divulgar a importancia deste traballo de catalogación a través do Camiño de Santiago. 

A exposición busca plasmar, precisamente, ese discurso entre o camiño, a paisaxe e o patrimonio, tres vertentes que se retroalimentan e ao mesmo tempo xeran un diálogo mutuo. 

O titular de Cultura incidiu en que os diferentes elementos que conforman a mostra permiten coñecer textos e documentos da Galicia dos anos 60, 70 e 80, e como foi cambiando a forma de traballar en materia de protección do patrimonio. 

Así mesmo, valorou a súa capacidade tanto como elemento de "identidade" co que se identifican os cidadáns como para "xerar sinerxías" con diversos sectores como a economía e polo de atracción turística e de visitantes. 

Finalmente, a edil compostelá, Mercedes Rosón, agradeceu o traballo "incansable" dos profesionais dos arquivos para potenciar a "conservación, posta en valor e defensa do patrimonio", un papel plasmado nesta mostra.

MELLORA DE XESTIÓN. Ademais desta exposición, o Goberno galego distribuirá unha nova guía de xestión documental para os traballadores dos arquivos de xestión e de oficina nas súas sedes, co fin de concienciar sobre a importancia dunha adecuada xestión dos documentos e facilitar o traballo da administración de face a mellorar o dereito de acceso dos cidadáns e os investigadores a estes bens. 

Cultura está a avanzar, ademais, no Plan de Arquivos para mellorar a xestión destes elementos custodiados tanto na súa sede central como nas provinciais, tras realizar un diagnóstico dos máis de mil locais destinados ao depósito documental da Xunta e que gardan ao máis de 164 quilómetros de documentación. 

Comentarios