A oficina móbil de Apaca informa en Sarria sobre a peregrinación con cans

A Asociación Protectora de Animais do Camiño estará na vila todos os martes ata setembro
Raquel Freiría, Santiago Piñán, Jorge López e os cans Limón e Polar, na oficina móbil en Vigo de Sarria. VILA
photo_camera Raquel Freiría, Santiago Piñán, Jorge López e os cans Limón e Polar, na oficina móbil en Vigo de Sarria. VILA

A Asociación Protectora de Animais do Camiño (Apaca) asegura que a ruta xacobea estase a converter "nun referente do turismo canino a nivel de España". Sabedor de que cada vez son máis as persoas que deciden peregrinar na compaña da súa mascota, o colectivo estará en Sarria todos os martes cunha oficina móbil para dar información, asesoramento e orientación tanto aos perregrinos como á veciñanza en xeral.

Para prestar este servizo, Apaca dispón dunha furgoneta que comprou o pasado ano grazas á doazón dun socios e despois de ter que pechar a sede en Santiago por mor do covid. Dende este mesmo martes e, en principio, ata o 15 de setembro, o vehículo estará todos os martes en Vigo de Sarria, na entrada á vila do Camiño Francés, en horario de 12.00 a 15.00, para facilitar todo tipo de información sobre unha modalidade de peregrinación que cada vez gaña máis adeptos.

Sarria será a primeira localidade en ter este servizo, que tamén está previsto para datas próximas en concellos como O Pino, segundo explica Raquel Freiría, xerente de Apaca. Xunto ao presidente da asociación, Santiago Piñán, Freiría desprazouse onte a Sarria coa oficina móbil e dous dos cans rescatados no percorrido da ruta xacobea, Polar e Limón, este último participante no documental O Gran Camiño, un traballo dos galegos Alba Prol e Raúl García que está a colleitar varios premios.

Entre outros aspectos, Apaca informa aos peregrinos sobre o protocolo de actuación en caso de atoparse no seu camiño con algún can supostamente perdido ou abandonado. Segundo indica, a recollida destes animais é competencia dos concellos, obrigados a ter un servizo para tal fin. Por iso, deben contactar coa administración local correspondente e, no caso de recibir largas, chamar ao 112. Dende Apaca aconsellan tamén aos peregrinos unha serie de xestións de sentido común como comprobar se o can ten colar ou chapa, falar coa veciñanza ou, se é posible, achegalo ata un veterinario para lectura do microchip.

Coa súa furgoneta, Apaca tamén atende urxencias que se lle podan presentar aos perreginos e, nas últimas etapas do Camiño, expide a compostela canina

"Hai que pedirlle ao peregrino que sexa responsable, pero tamén darlle solucións", afirma Freiría, quen insiste en que nunca se lles deu ningún caso de camiñantes que abandonen ao seu propio can na ruta, pero si de persoas que na súa peregrinación acaban facéndose cargo de animais desamparados e dándolles un novo fogar.

Coa súa furgoneta, Apaca tamén atende urxencias que se lle podan presentar aos perreginos e, nas últimas etapas do Camiño, expide a compostela canina que, malia a pandemia de covid, foi solicitada por unhas 200 persoas.

A asociación emite cada ano un máximo de 500 credenciais deste tipo, que practicamente se esgotaron no 2019. Do seu reparto encárganse colaboradores, como a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, cuxo presidente, Jorge López, sinala que, entre o ano pasado e o que vai deste, xa expediu arredor de 80 credenciais caninas.

Comentarios