Os peregrinos regresan por fin aos albergues do Camiño Portugués

O fin do estado de alarma vai devolvendo a actividade a todas as rutas que van a Compostela
Varias peregrinas caminandopor el centro de Pontevedra. ADP
photo_camera Varias peregrinas camiñando o pasado luns polo centro de Pontevedra. RAFA FARIÑA

"Aos poucos, pero por fin empezamos a ter outra vez peregrinos en Pontevedra. O Camiño vaise reactivando".

Así o dicía este martes Tino Lores, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, a entidade que xestiona o albergue Virxe Peregrina, situado nas proximidades de Vialia e que antes da pandemia enchía as súas habitacións moi a miúdo.

Logo de varios meses de seca por mor da covid-19 e das restricións aplicadas para tratar de frear os contaxios (sobre todo o peche perimetral das comunidades autónomas e da fronteira con Portugal), o fin do estado de alarma e a liberdade de movemento entre os diferentes territorios devolveu á vida as rutas xacobeas.

"Este pasado fin de semana, que ademais incluíu un día festivo, tivemos a catro persoas no albergue e durante a semana tamén fomos tendo peregrinos bastantes días. O mércores, por exemplo, aloxamos a 20, porque contamos cun grupo de xente que está a facer o Camiño xunta", sinalou Tino Lores.

Moitos dos que chegan son, precisamente, portugueses que por fin poden cruzar a raia e botarse a camiñar rumbo a Santiago de Compostela.

"Ademais, tamén tivemos xente procedente de Madrid e doutras comunidades, que estaban a desexar vir", engadiu o presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués. "A recuperación vai lenta, pero parece que se vai vendo. Esperamos que a partir do 1 de xuño nótese máis".

Con todo, e aínda que o estado de alarma termine, a pandemia segue. Por iso no albergue Virxe Peregrina extreman as medidas preventivas para protexer os seus usuarios fronte aos contagios de covid. As 92 prazas coas que conta este establecemento reducíronse a 30 para garantir que se poida manter a distancia social e, ademais, tómase a temperatura aos peregrinos que chegan e utilízase xel hidroalcohólico nas instalacións.

Sexa como sexa, as mochilas coas cunchas de Santiago volven verse pola cidade pontevedresa, que xa botaba de menos aos camiñantes que se dirixen a Compostela a través da ruta lusa.

Así o testemuñan tamén en Acolá Hostels, unha pequena rede de albergues de iniciativa privada situados na capital do Lérez. Tal e como explicou o seu responsable, Candea Garrido, "desde que se abriron as fronteiras si se nota algo máis de afluencia. Por agora a ocupación é baixa, pero xa se nota intención e un cambio con respecto aos meses anteriores, nos que estaba todo parado. Nos nosos hostels vai entrando xente cada día. Os martes son as xornadas nas que adoitamos ter máis traballo, porque moitos peregrinos organizan as etapas da ruta para chegar a Santiago o venres e para iso a parada en Pontevedra toca o martes. Hoxe, de feito, temos a varias persoas", explicou este martes Garrido.

No caso deste negocio, a procedencia dos camiñantes que acoden estes días está a ser tamén maioritariamente portuguesa e nacional.

Comentarios