Desde hai xa unha semana os peregrinos dispoñen dunha App na que poden descargar a credencial dixital que lles permitirá selar mediante códigos QR a compostela, o documento que certifica completar polo menos 100 quilómetros a pé ou dacabalo (200 se se fai en bicicleta) do Camiño de Santiago.
O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino foi o escenario na mañá deste mércores da posta en marcha oficial da citada credencial dixital, un acto no que participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, e o delegado de peregrinacións da Catedral de Santiago, Segundo Pérez.
A nova aplicación móbil permitirá aos peregrinos portar no seu dispositivo electrónico a súa credencial do Camiño coa que acreditar a súa peregrinación e obter a Compostela mediante o escaneo de códigos QR que atoparán en diferentes puntos do seu itinerario, como parroquias e albergues.
A aparición da credencial dixital do peregrino non fará desaparecer a tradicional cartolina que consta de dezaseis páxinas que se abren en forma de acordeón, xa que ambas convivirán.
Todos os participantes no acto coincidiron en destacar que a App non substitúe á credencial tradicional, senón que a complementa, co obxectivo de mellorar a experiencia da peregrinación no que se refire a evitar contactos interpersoais non imprescindibles e axilizar os selados.
A directora de Turismo de Galicia afirmou que esta nova ferramenta enmárcase no proceso de mellorar a experiencia do peregrino a través da posta en marcha de iniciativas como esta que se encadran no proceso de dixitalización e implantación "dun camiño seguro".
A aplicación está dispoñible para a súa descarga para dispositivos Android e iOs en galego, castelán e inglés, e ademais permitirá coñecer con antelación a afluencia de camiñantes que chega á Oficina do Peregrino en Santiago, o que axudará a mellorar a atención e regular o fluxo de peregrinos que se dan cita para recoller a Compostela, evitando colas.
Esta nova ferramenta enmárcase no proceso de transformación dixital da Oficina do Peregrino, que tamén puxo en marcha recentemente un sistema de rexistro en liña que permite que o peregrino introduza con antelación os datos necesarios para a obtención da Compostela, evitando a manipulación de papel.
A directora de Turismo de Galicia destacou que en todo este proceso a Catedral de Santiago de Compostela conta co apoio do Goberno galego a través, entre outros acordos, do convenio para o mantemento do Centro internacional de acollida aos peregrinos que depende directamente da basílica.
Nava Castro avanzou que en breve comezarán a ir abríndose albérguelos públicos dun xeito coordinado cos establecementos privados.