O Plan Catedrais será aprobado esta primavera

Blindará o mantemento dos templos galegos de cara ao Xacobeo 2027
Vistas de la Catedral de Mondoñedo JMÁLVEZ
photo_camera Vistas da Catedral de Mondoñedo JMÁLVEZ

O novo Plan Catedrais, que a Xunta aprobará esta primavera, "blindará o mantemento e a conservación destes cinco grandes templos galegos no horizonte do Xacobeo 2027", co obxectivo de dar "continuidade ao esforzo investidor dos últimos anos" para seguir preservando o patrimonio.

Avanzouno este martes o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no transcurso dunha visita á catedral de Mondoñedo –declarada Patrimonio da Humanidade–, onde anunciou un "primeiro investimento" de máis de 300.000 "euros para a restauración do conxunto mural do presbiterio e da nave central".

Acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, precisou que este plan será "unha ferramenta útil", porque reforzará a planificación por parte da administración autonómica e marcará a "folla de ruta" de cara aos próximos anos.

Román Rodríguez precisou que o punto de partida é a catedral de Santiago, dado que grazas aos traballos de rehabilitación coordinados e aos "esforzos conxuntos", o templo foi "reestreado" este 2021 para afrontar a "década xacobea" nas mellores condicións.

"Seguirémola coidando", dixo o conselleiro, "pero agora queremos centrar tamén as nosas actuacións no resto das catedrais galegas, pondo outro horizonte temporal, o Ano Santo 2027, para seguir recuperando o noso patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago".

Precisou, en todo caso, que o Plan Catedrais está neste momento en elaboración, mediante o diálogo coas distintas dioceses galegas, coa previsión de que sexa aprobado esta primavera.
Vai dirixido, fundamentalmente, aos "templos matrices de Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo", precisou, "co fin de protexer e valorizar o patrimonio como un elemento de desenvolvemento económico e emocional".

Recordou, ademais, que se trata dunha actuación da que se beneficiarán as catro provincias, mediante a intervención en bens patrimoniais que suman máis de 4.500 anos de historia, todos eles vinculados ao Camiño de Santiago. De feito, precisou, tres desas catedrais foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Comentarios