Na procura de protexer ás mulleres que empreden o Camiño en solitario

Impulsan un plan no que colaboran 398 entidades da provincia para loitar contra al violencia machista na ruta
A subdelegada, representantes de colectivos e das forzas de seguridade, presentando a campaña. DP
photo_camera A subdelegada, representantes de colectivos e das forzas de seguridade, presentando a campaña. DP

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou a campaña #NoCaminasSola: por un Camino de Santiago libre de violencias machistas, que este ano conta coa colaboración de 398 organizacións da provincia, 122 máis que o ano pasado. A iniciativa busca reforzar a seguridade das mulleres que emprenden a ruta xacobea en solitario mediante a difusión, en diferentes localizacións do Camiño de Santiago, de tarxetas e carteis informativos que inclúen un código QR que enlaza aos teléfonos dos recursos especializados en atención ás mulleres.

A campaña está promovida polas Unidades de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller das Delegacións do Goberno de Galicia, Navarra, Aragón, A Rioxa, Estremadura e Castela e León, comunidades por onde discorre o Camiño de Santiago. "O ano pasado puxemos en marcha esta iniciativa por primeira vez e o certo é que a información que recibimos por parte das usuarias foi moi positiva, e por iso este 2022 queremos potenciar o seu alcance. Porque o máis importante é que as mulleres se sintan seguras e que gocen do Camiño", asegurou Larriba.

A campaña #No caminas Sola: por un camino de Santiago libre de violencias machistas foi presentada en Tui

O material informativo que inclúe a campaña distribuíuse o ano pasado en Galicia nas diferentes rutas do Camiño de Santiago, entre albergues, farmacias, comandancias e postos da Guardia Civil, comisarías de Policía Nacional e dependencias da Policía Local. Este 2022 relánzase a campaña incluíndo como novidade a introdución do inglés nos carteis e tarxetas, co fin de chegar ao maior número de mulleres posibles, e ampliando tamén os lugares de distribución, incorporando a centros de saúde e oficinas de turismo.

En total, en Pontevedra repartiranse 402 carteis e 8.040 tarxetas. Deste xeito, 70 albergues, 187 farmacias, 21 postos da Guardia Civil, 4 comisarías da Policía Nacional, 23 da Policía Local, 54 centros de saúde e 39 oficinas de turismo dos concellos polos que discorre o Camiño na provincia disporán de diferentes recursos informativos para previr calquera tipo de violencia contra as peregrinas.

Por último, a subdelegada recalcou que as mulleres "deben ter o dereito e a liberdade de poder facer o Camiño de Santiago soas se o desexan, non pode ser que o medo a que suceda algo lles impida facelo. A mensaxe desta campaña é xustamente que non camiñan soas, que non corren risco porque no momento no que perciban calquera perigo sempre terán a alguén ao seu lado".

Comentarios