Santiago reivindica "fortaleza" como destino ao rexistrar máis pernoctacións en xuño que no mesmo mes de 2013

As 53.000 realizadas por turistas españois supoñen un descenso do 22% respecto de 2020, "non tan brusco para o contexto" actual 
 
Catedral de Santiago. ARCHIVO
photo_camera Catedral de Santiago. ARQUIVO

O concelleiro de turismo de Santiago e a xerente de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte e Flavia Remil, respectivamente, reivindicaron a "fortaleza" da cidade como destino turístico ao rexistrar máis pernoctacións de turistas nacionais en xuño deste ano que no mesmo mes de 2013, ano no que as visitas se viron afectadas pola crise financeira

En rolda de prensa, o edil apuntou que o descenso destas pernoctacións é do 22% en xuño de 2021 respecto de 2019, dato que a xerente de Turismo non viu "tan brusco" para o contexto actual, de crise motivada pola pandemia de coronavirus. Deste xeito, Guinarte apuntou que as previsións "continúan sendo positivas" tanto para os meses de xullo e agosto como para os seguintes. "Os datos serán de recuperación", destacou. 

Estas expectativas baseounas tamén nas cifras relativas ao aeroporto compostelán, que tamén dan "motivos para a esperanza", xa que foi "o segundo cun mellor comportamento dentro das principais terminais de España". "Tivo en xuño aínda un descenso importante pero caeu 16 puntos menos que a media dos aeroportos da rede de Aena", sinalou. 

En canto ao turismo internacional, recoñeceu que a recuperación está a ser "máis compasada, máis moderada", aínda que celebrou que este verán a capital galega vai contar "con case todas as conexións internacionais directas que tiña en 2019". 

O aeroporto compostelán foi "o segundo cun mellor comportamento dentro das principais terminais de España"

"Non é a nosa intención caer en ningún tipo de triunfalismo e somos moi conscientes das dificultades, pero a pesar de que a situación sanitaria non se resolveu cremos que a cidade está a demostrar a súa fortaleza, a súa capacidade de atracción, a súa resiliencia. Continúa sendo un destino preferido", reivindicou o concelleiro de turismo. 

A medida que a situación sanitaria vaia mellorando a recuperación "será total", augurou, antes de considerar que "non é a norma" que o comportamento por parte dos visitantes sexa pouco respectuoso coas normas sanitarias. Pola súa banda, Flavia Ramil falou dun "crecemento constante" do número de consultas en Turismo de Santiago, "semana tras semana" desde maio, de modo que na semana grande das Festas do Apóstolo multiplicou por 10 a cifra e superou as 4.000. 

Este é o maior número de consultas que rexistra o organismo desde a primeira quincena de outubro de 2019, cun aumento da chegada de peregrinos "moi claro".

A semana grande das Festas do Apóstolo bateu records desde 2019 no número de consultas en Turismo de Santiago

GRANDES CONGRESOS E HOSTELERÍA COMPOSTELA. Nesta liña, Sindo Guinarte informou de que está prevista a celebración no último trimestre do ano e principios de 2022 dalgúns "grandes congresos" de ámbitos como o medicamento e a educación. 

Así, trasladou a súa "boa perspectiva para setembro", aínda que é "certo" que o que transmiten os hostaleiros é que "esta quinta onda o que provocou foi unha retardación das reservas", que se realizan con moi "pouca antelación" e "de momento non cancelacións". 

"Se a situación sanitaria mellora e confiamos en que debe mellorar tamén somos optimistas en alargar a tempada máis aló do verán", engadiu. Para rematar, Guinarte indicou que felicitou a Thor Rodríguez Carbón, do bar O Boneco, pola presidencia de Hostalería Compostela, e viu "moi boa noticia" que esta asociación teña unha nova directiva. 

Comentarios