Un veterano do Camiño

Daniel Antelo leva percorrido "de 10.00 a 15.000 quilómetros" pola ruta xacobea e presenta en Sarria un libro guía sobre o Francés
Daniel Antelo, Celsa Carballo y Jorge Rodríguez, con el libro. PORTO
photo_camera Daniel Antelo, Celsa Carballo e Jorge Rodríguez, co libro. PORTO

O lalinense Daniel Antelo Fernández pisou por primeira vez o Camiño de Santiago en 1999 e desde entón non deixou de sumar quilómetros polas distintas rutas xacobeas, ata alcanzar entre "10.000 e 15.000", afirma. A súa experiencia no Camiño Francés recóllea nun libro guía, que acaba de dar a coñecer en Sarria.

Antelo sufriu en 1993 un grave accidente no que estivo "a piques de perder o pé esquerdo". Seis anos despois decidiu lanzarse á ruta xacobea e completou "con muletas" o seu primeiro Camiño Francés entre O Cebreiro e Santiago, que lle levou once días. O itinerario enganchouno" e nos anos seguintes repetiu a experiencia.

Hai anos que completa un, dous ou tres Camiños, polo que calcula que xa pode levar preto de 30. Recorda, por exemplo, o itinerario desde O Cebreiro do pasado Nadal, no que estaba completamente só. Non había moitos albergues abertos, polo que incluso tivo que facer noite á intemperie "tapado cuns plásticos e nun saco de durmir", como en Samos, Castromaior ou preto de Ribadiso, conta.

Daniel Antelo lanzouse ao Camiño Francés por primeira vez "con muletas" en 1999

Este 2021 xa o percorreu ata en catro ocasións, dúas en memoria dunha amiga e o seu pai, falecidos recentemente. Cada vez que ten uns días libres, aínda que sexa un fin de semana, vaise á ruta xacobea. Esta transmítelle "moita paz e tranquilidade". Desde o primeiro ata hoxe afirma que no Camiño "se perderon moitas cousas", como as ceas comunitarias en albergues e hai máis turistas "que veñen a divertirse, non a aproveitar o que dá o Camiño".

Daniel Antelo completou diversos camiños, excepto o Portugués, aínda que o seu preferido é o Francés. Por iso, durante o confinamento do pasado ano decidiu recompilar as súas viaxes e reunilas nun libro guía sobre esta ruta. A publicación está "enfocada ao mellor ao que vaia facer por primeira vez o Camiño", explica no local da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, onde realizou unha primeira presentación do libro, previa a unha oficial que espera organizar na vila o próximo mes de outubro da man desta entidade.

A publicación xa se pode adquirir no local deste colectivo e cada unha está numerada para que os lectores entren nun sorteo duns zocos de Elena Ferro. Unha porcentaxe do prezo do libro destinarase a axudar a custear unha peregrinación entre Xerusalén, Roma e Santiago que quere completar Daniel Antelo, todo un veterano do Camiño.

Comentarios