Unha vintena de alumnos inician en Palas un taller de emprego sobre o Camiño

Os participantes recibirán formación teórica e práctica nos módulos de xardinería e promoción turística e información ao visitante
Un peregrino ao seu paso por Palas de Rei. AEP
photo_camera Un peregrino ao seu paso por Palas de Rei. AEP

Unha vintena de alumnos comezou este martes en Palas de Rei o taller de emprego Camiño de Santiago I, entre os concellos de Palas —como entidade promotora—, Monterroso e Portomarín. Promóveo a Xunta de Galicia.

Os participantes recibirán formación teórica e práctica nos módulos de xardinería e promoción turística e información ao visitante. Na presentación estivo presente o alcalde palense, Pablo Taboada, que destacou que a iniciativa lle parecía "moi positiva, tanto para os participantes como para os concellos". Neste sentido, destacou que todos os alumnos desenvolverán traballos como o amaño e mantemento de zonas verdes, entre outros.

FORMACIÓN FINALIZADA. Doutra banda, a Xunta clausurou este martes en Castroverde o taller de emprego O Castro, no que participaron 20 persoas sen emprego dos concellos de Castroverde, Riotorto, Pol, A Pastoriza e Ribeira de Piquín.

Este curso, que contou cun investimento de 474.500 euros, formou aos alumnos en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, pistas forestais e camiños. O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, indicou que o Goberno autonómico investiu 11,7 millóns nestes talleres na provincia durante o último ano.

Comentarios