A Xunta erixe os Camiños de Santiago do Norte en eixo turístico vertebrador

Alfonso Rueda inaugurou en Mondoñedo o Cume Interautonómica dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular
Peregrinos en el Camino. EP
photo_camera Peregrinos en el Camino. EP

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou en Mondoñedo o Cume Interautonómico dos Camiños de Santiago do Norte Peninsular, onde reivindicou que estas rutas constitúen o eixo vertebrador dos recursos turísticos, do patrimonio, da cultura e dos valores que comparte Galicia coas comunidades de Asturias, País Vasco e Cantabria. 

Nesa liña, incidiu na fortaleza da España Verde para "resistir mellor que outros territorios" o impacto da pandemia, ao contar con recursos "turísticos únicos" como o Camiño de Santiago. 

Ademais, engadiu que Galicia e as comunidades do norte peninsular contan con "produtos turísticos personalizados e seguros" que están a demandar os viaxeiros na actualidade para gozar dun "turismo tranquilo en espazos abertos e non masificados". Trátase dun modelo de turismo —explicou— que tamén ofrece o Camiño de Santiago.

Alfonso Rueda recordou que a Xunta reforzou nestes meses a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade e iso foi precisamente o que permitiu á comunidade "conseguir tan bos resultados neste verán", tras a implantación de medidas de prevención ante o covid no sector turístico ou medidas pioneiras como o seguro coronavirus ou a promoción con campañas como Camiña a Galicia.

Recorda o obxectivo de 140.000 Compostelas

Así, recordou que o mes pasado Galicia foi o único destino en España que conseguiu superar os datos turísticos prepandemia, cun 70% máis de viaxeiros que en agosto de 2020 e 27 puntos por encima da demanda nacional en comparación cos datos de 2019. Tamén as comunidades representadas neste cume conseguiron bos resultados situándose logo de Galicia. 

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén fixo referencia á reactivación do Camiño de Santiago co obxectivo —xa avanzado— da superar este ano as 140.000 Compostelas coa previsión de conseguir esa cifra xa no mes de outubro.

Por iso, subliñou a importancia de abordar en cumes como esta, organizada pola Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo, o Camiño desde diferentes perspectivas. Este cume abordará con expertos ata o domingo a importancia do Camiño de Santiago e, en concreto, das rutas do norte peninsular.

O encontro, que se inaugurou en Mondoñedo, continuará este sábado con máis relatorios en Lugo e finalizará o domingo en Santiago de Compostela, meta de todos os camiños.

Comentarios