Tres persoas resultan feridas nun choque na AP-9 en Culleredo

Unha das vítimas tivo que ser evacuada nunha Uvi a un centro hospitalario

Unha colisión múltiple rexistrada na AP-9, ao seu paso por Culleredo, deixa tres persoas feridas. No accidente en cadea víronse implicados catro vehículos. Segundo os datos facilitados ao 112, todo apunta a que o sinistro se produciu tras unha granizada. 

Das tres persoas feridas, unha foi evacuada nunha Uvi a un centro hospitalario. As outras dúas, con feridas de carácter leve, foron examinadas nun centro de saúde. 

O accidente produciuse á altura do Burgo, en dirección A Coruña. Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 10.40 horas deste xoves. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Arteixo. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

Comentarios