Álex de la Iglesia dirixirá unha serie de terror para HBO

'30 monedas' constará de oito episodios e rodarase este ano

Álex de la Iglesia. AEP
photo_camera Álex de la Iglesia. AEP

Álex de la Iglesia dirixirá para HBO Europe unha nova serie de terror épico titulada 30 monedas, coescrita co seu guionista de cabeceira, Jorge Guerricaechevarría, segundo informou este luns a plataforma. 

A serie constará de oito episodios e rodarase este ano. Segundo o director bilbaíno será "terror puro e duro, sen concesións" e conxugará "suspense, acción e misterio nas entrañas dun pobo da España profunda, estendéndose por todo o mundo". 

30 monedas conta "a traxedia" do pai Vergara, un exorcista, boxeador e exconvicto exiliado nunha parroquia dun pobo remoto de España. 

Paco, o inxenuo alcalde, e Elena, unha inqueda veterinaria, tratarán de desvelar os segredos do seu pasado e o significado da antiga moeda que Vergara mantén oculta, segundo a sinopsis. 

Aos poucos, este insólito trío de heroes atoparase inmerso nunha conspiración global: a batalla polo control das trinta moedas polas que o apóstolo Xudas Iscariote traizoou a Jesús de Nazaret, unhas reliquias malditas pero posuidoras dun poder inimaxinable. 

O director de películas como El bar ou Las brujas de Zagarramurdi —gañadora de oitos Goyas— asinou con anterioridade proxectos televisivos como a serie de ciencia ficción Plutón B.R.B. Nero ou o episodio La habitación del niño da antoloxía Películas para no dormir. 

Segundo De la Iglesia, 30 monedas é o proxecto soñado de toda a súa vida. "Seres aberrantes, seitas malditas, segredos inconfesables xorden das gretas dunha realidade que xa só nos inspira desconfianza… Unha delicia para todos os que queren divertirse pasando medo".

A produción é de Pokeepsie Films, de Álex de la Iglesia e Carolina Bang, para HBO Europe e o lanzamento será simultáneo en todos os territorios de HBO Europe.

Comentarios