'O que arde', de Oliver Laxe, premiada nun festival de París

O xurado considera que as imaxes da película do director lucense "van marcar o imaxinario dos espectadores"

Oliver Laxe, en Cannes. EFE
photo_camera Oliver Laxe, en Cannes. EFE

A película O que arde, do director lucense Oliver Laxe, resultou premiada este martes na duodécima edición do certame Dífferent! L'autre cinéma espagnol, organizado na Universidade Sorbona de París. "O xurado decidiu atribuír de xeito unánime o premio a unha película cuxas imaxes, estamos seguros, van marcar o imaxinario dos espectadores como marcaron o noso", indicou o xurado do premio CRIMIC/Sorbona nun comunicado.

O galardón, que brinda unha invitación para dar unha clase mestra na prestixiosa universidade parisiense da Sorbona, recaeu o pasado ano na cinta La mano invisible, do director murciano David Macián, e en 2017 en Carla Simón pola súa película Verán 93.

O que arde recibiu o Premio do Xurado na última edición do Festival de Cannes onde competía na categoría Una cierta mirada, e será distribuída en Francia a partir do próximo 4 de setembro. Na súa cerimonia, o festival da Sorbona homenaxeou tamén este martes ao actor Sergi López pola súa traxectoria, e os seus destacados papeis en películas como O Labirinto do Fauno, de Guillermo del Toro, ou Un dia perfecte per, de Marc Recha.

Comentarios