Bruce Springsteen levará á plataforma dixital Netflix a experiencia dos seus recitais íntimos e en solitario de Broadway por medio da película Springsteen on Broadway.
Netflix detallou este xoves nun comunicado de prensa que Springsteen on Broadway estrearase o próximo 15 de decembro, o mesmo día no que finalizará a andaina deste espectáculo íntimo no que o artista estadounidense combina música e relato autobiográfico.
Estes recitais, que teñen o mesmo nome que a película, comezaron en outubro de 2017, polo que salvo imprevisto, Springsteen dará o 15 de decembro o seu concerto número 236 dentro deste formato especial.
Afeito ser un artista que actúa ante multitudes en estadios e grandes recintos, acompañado pola enérxica e brillante E Street Band, Springsteen decidiu refuxiarse neste teatro neoiorquino, con capacidade para algo menos de mil persoas, para ofrecer concertos íntimos nos que aparece só coa súa guitarra e o seu piano.
Ted Sarandos considera esta experiencia como innovadora e que desafía os límites do teatro, os concertos e as películas
Este show, polo que cantante gañou un premio Tony, está baseado na súa autobiografía Born to Run (2016) e conta como invitada especial en dous temas con Patti Scialfa, muller do roqueiro.
O músico será o guionista da película, mentres que Thom Zimny, que traballou en varios documentais sobre The Boss, encargarase da dirección do filme.
"Estamos encantados de traer a Bruce Springsteen —un maxistral narrador, un filántropo e unha voz para o home corrente— a Netflix con este histórico show en solitario", dixo o xefe de contidos desta plataforma dixital, Ted Sarandos.
"Esta innovadora experiencia desafía os límites do teatro, os concertos e as películas e dará á nosa audiencia global unha mirada íntima a un dos iconos culturais máis grandes do noso tempo", engadiu.
"O propósito desta película é levar este incriblemente íntimo show a todo o público de Bruce (de forma) completa e intacta", apuntou o mánager de Springsteen, Jon Landau.