Budiño presenta 'Fulgor', o seu primeiro disco cantado tras seis anos de silencio

O álbum inclúe colaboracións con Xoel López, Vega, Depedro ou o Cuarteto Quiroga

Tras seis anos de silencio, o artista e compositor galego Xosé Manuel Budiño presentou este venres en Compostela Fulgor, un novo álbum con dez cancións orixinais, compostas, producidas e, ademais cantadas por el mesmo.

Logo de dúas décadas dunha carreira dedicada á interpretación con gaita e frauta, o músico decidiu reinventarse, como el mesmo confesou, creando o seu primeiro disco cantado.

Este traballo nace acompañado dun caldo, producido pola adega Ponte da Boga, que leva o mesmo nome, Fulgor, e trátase dun rosado en estado puro, fresco e fragante. é da Ribeira Sacra e presenta unha cor rosa pálido case ocre.

Con esta segunda edición dos seus Viños de Autor, Ponte da Boga, a adega de Corporación Hijos de Rivera situada no municipio de Castro Caldelas, quixo, como se indicou no acto de presentación na capital galega, seguir abrindo as portas á creación artística dentro do seu proxecto de mecenado cultural Riverside.

O acompañante é Xosé Manuel Budiño, que, como dixo, creou un álbum máis plural, máis libre de xénero, "máis de aquí e de alá, máis aberto e, en resumo, máis Budiño que nunca".

Outro artista de Galicia, Xoel López, acompaña a Budiño en Santiago, primeiro single do disco. López compuxo a letra e as voces dun e outro se entrelazan nun tema que "soa á súa terra á vez que aspira a cruzar fronteiras".

As colaboracións de Fulgor non acaban aí. Por exemplo, está Frida, un tema onde soa a guitarra acústica de Jairo Zavala, Depedro. Tamén cobran importancia as letras de poetas como Antía Otero ou de compositores como a propia Vega, que se une ao citado Xoel López escribindo cancións para o álbum.

Ademais, grandes instrumentalistas forman parte do disco, como o guitarrista Antonio Casado, o acento portugués africano do músico Luiz Caracol ou o Cuarteto Quiroga, recentes gañadores do Premio Nacional de Música que enchen co seu son varias cancións.

Ao longo da súa traxectoria, Budiño pisou escenarios de todo o mundo cos seus seis primeiros traballo. Compartiu ademais cartel e escenario con artistas internacionais da talla de Van Morrison, Jerry González, Jorge Pardo, Capercaillie ou a Orquestra Sinfónica de Lorient. 

Comentarios