Buscan financiamento colectivo para gravar un documental sobre Moncho Reboiras

O documental titularase 'Reboiras. Acción e corazón', e o seu lanzamento está previsto para o ano que vén, cando se cumpren 45 anos da súa morte
Cartel de 'Reboiras. Acción e corazón'. REBOIRAS.GAL
photo_camera Cartel de 'Reboiras. Acción e corazón'. REBOIRAS.GAL

A Fundación Terra e Tempo lanzou, a través da plataforma de micromecenazgos Goteo, unha campaña de financiamento colectivo para poder sacar adiante a gravación dun documental sobre a figura de Moncho Reboiras, a última vítima da ditadura franquista en Galicia.

O proxecto 'Reboiras. Acción e corazón', que estará dirixido polo xornalista Alberte Mera, con experiencia en varios documentais, ten como obxectivo "levar á pantalla un retrato fiel" deste activista político dirixente da UPG, que foi asasinado a tiros en Ferrol pola policía franquista en agosto de 1975.

Xosé Ramón Reboiras Noia (Dodro, 1950) é considerado como última vítima do franquismo en Galicia e os promotores deste filme, o primeiro que podería realizarse sobre a súa persoa, queren glosar a súa biografía a través dos testemuños de máis de 15 persoas que compartiron vida con el, ademais de numerosa documentación e material de arquivo.

O proxecto conta actualmente cunha axuda económica da Deputación da Coruña, obtida en concorrencia competitiva, pero que non é suficiente para sufragar os gastos totais de produción. Por este motivo, decidiron abrir unha recollida de fondos en liña cun obxectivo mínimo de 12.200 euros e unha cantidade óptima de 20.000 euros a repartir entre distintos apartados como: aluguer de equipos, cartelería, edición, elaboración dun libro DVD con fotos da rodaxe, revisión lingüística, subtitulado a outros idiomas, difusión en redes sociais ou comisións das distintas plataformas intermediarias.

Ata o momento, en apenas catro días conseguiron captar 5.452 euros e restan aínda 35 días para o peche da campaña, na que participaron 109 persoas. Como posibles recompensas para os participantes, que poderán achegar con contías de entre 10 e 500 euros, habilitouse a súa inclusión nos créditos do filme, envíos da obra en soporte físico, agasallos doutros documentais e obras escollidas, serigrafías limitadas e ata invitacións á propia rodaxe.

A estrea da película resultante está previsto para 2020, data na que se cumprirán 45 anos da morte de Moncho Reboiras.

Comentarios