O Camiño de Santiago é o pano de fondo da nova obra do lalinense Álex Sampayo

En #2Pilgrims atopamos unha comedia de autoficción con grandes doses de absurdo protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo
Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo, protagonistas da obra. DP
photo_camera Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo, protagonistas da obra. DP

O director lalinense Álex Sampayo iniciou os ensaios da súa nova obra #2Pilgrims, que se levarán a cabo no Auditorio Municipal Constante Liste da Ramallosa (Teo), espazo no que durante as próximas semanas desenvolverá unha residencia artística de cara á estrea o 21 xullo do espectáculo e á súa posterior xira ao longo de 2021, que inclúe actuacións en diversas localidades galegas durante o último semestre.

A estrea desta obra da compañía Redrum Teatro producirase no marco da Mostra Internacional de Ribadavia. A obra, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, está dirixida por Álex Sampayo e protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo. Os dous intérpretes mesturarán sobre o escenario as súas traxectorias persoais coa ficción nun xogo escénico autorreferencial escrito por Fernando Epelde.

Deste xeito, en #2Pilgrims atoparemos unha comedia de autoficción con grandes doses de absurdo que terá como pano de fondo o Camiño de Santiago para tratar temas como as novas masculinidades, o feminismo ou concienciación fronte á violencia de xénero.

#2Pilgrims estrearase en xullo no marco da Mostra Internacional de Ribadavia

Con esta nova produción teatral, a décimo quinta da compañía, Redrum Teatro procurará achegarse á mocidade cos obxectivos de concienciar, educar en igualdade e inculcar valores que preveñan a violencia de xénero a través do teatro. Ademais, #2Pilgrims dedícalles unha especial atención aos múltiples efectos que as redes sociais levan anos exercendo na forma de relacionarse das novas xeracións e de establecer relacións socioafectivas, achegando ao tempo un cuestionamento crítico ao respecto do mal chamado amor romántico. Con todas estas metas e empregando a autoficción e a comedia como principais recursos, #2Pilgrims tomará como punto de partida o Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo para trazar un itinerario escénico pola reflexión, a sensibilización e a igualdade.

Alex Sampayo, director da obra, conta cunha extensa traxectoria no teatro, o cine a na televisión. Un dos seus últimos traballos foi en O sabor das margaridas, a serie galega que acadou un grande éxito internacional ao emitirse en Netflix. Co galego como idioma orixinal e con dúas temporadas xa subidas á plataforma, todo apunta a que terá aínda máis recorrido.

Comentarios