Carlos Núñez e Mercedes Peón, no 49º Festival Interceltique de Lorient

Os artistas representarán a Galicia no festival, como se anunciou este martes na Cidade da Cultura

Actuación de Mercedes Peón. XESÚS PONTE
photo_camera Actuación de Mercedes Peón. XESÚS PONTE

O Festival Interceltique de Lorient (FIL) escolleu a Galicia como rexión á que dedicará a súa edición de 2019, que será o número 49. Neste evento, a comunidade galega estará representada da man de artistas como o gaiteiro Carlos Núñez, a cantante Mercedes Peón e a banda Milladoiro, entre outros.

Así o anunciou este martes na Cidade da Cultura o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado polo director do evento, Lisardo Lombardía, así como diversos altos cargos do evento e do Xacobeo 21.

Así mesmo, competirán polo Trofeo Maccrimmon de Gaita catro mozos galegos que aspiran a facerse con este galardón

Galicia está presente en Loriant desde o ano 1976. A cita conta con preto de 4.500 artistas confirmados, entre os que destacan Soldat Louis, Begoña Lorenzo, Martin Hayes, Fred Morrison ou Barok, entre outros. A representación galega chega da man de Milladoiro, Mercedes Peón e Carlos Núñez, de quen Lisardo Lombardía afirmou que "dalgún xeito, a xente considérao como un produto loriantés". Do mesmo xeito, o director do evento aseverou que a participación de Mercedes Peón ofrece unha mostra alternativa do que é a música galega contemporánea.

Así mesmo, competirán polo Trofeo Maccrimmon de Gaita catro mozos galegos que aspiran a facerse con este galardón. Estes son Xesús Rodríguez, Nadia Vázquez, Manu Seoane e María López.

Pola súa banda, o gaiteiro Pablo Seoane asegura que "podes tocar en moitos festivais, podes tocar en moitos países, pero tocar no Festival de Lorient é o máximo para un gaiteiro".

BANDAS DE GAITAS DE FORCAREI E INVERNÍA. Entre case 90 propostas de bandas para o festival algunhas das seleccionadas son as Bandas de Gaitas de Forcarei e Invernía e os grupos de folk de Xosé Luís Romeu Aliboria e Tiruleque.

"Fose da calidade artística que ten o festival en todos os seus ámbitos, o máis importante é a calidade humana que move o festival", así o asentiu o gaiteiro Pablo Seoane.

O FIL logra reunir en dez días a case un millón de persoas e utilízase como escaparate de Galicia, tal e como confirmou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

A Xunta busca que este proxecto sirva para facer unha promoción íntegra de Galicia en todos os sentidos -cultural, musical, turístico, empresarial e gastronómico- e presentar así o Xacobeo 21 en Lorient.

Comentarios