domingo. 09.05.2021 |
El tiempo
domingo. 09.05.2021
El tiempo

A Cidade da Cultura acolle un mural de Luís Seoane trasladado desde Buenos Aires

Presentación do mural de Luís Seoane no Museo Centro Gaiás. AGN
Presentación do mural de Luís Seoane no Museo Centro Gaiás. AGN
A peza foi encargada por Isaac Díaz Pardo para separar as dependencias administrativas da fábrica de Porcelanas de Magdalena 
 

A Cidade da Cultura exhibe desde este domingo un mural de Luís Seoane que foi trasladado desde a capital arxentina, Buenos Aires, onde o creador galego realizou esta obra a encargo de Isaac Díaz Pardo, que quería unha peza para separar o taller das dependencias administrativas na fábrica de Porcelanas de Magdalena.

A planta baixa do Museo Centro Gaiás do complexo compostelán acolle desde este domingo a peza de Seoane, que mide máis de 2 metros de alto por case 4 de longo e pesa 200 quilos. A obra, que se exhibirá de forma permanente no Gaiás, está formada por catro paneis de idéntico tamaño que forman un conxunto no que Seoane uniu madeira e cartón para pintalos cun pigmento amarelo mesturado con area do río da Prata.

O mural representa figuras en relevo nas que o creador plasmou formas influenciadas por elementos da cultura popular galega. Así, na parte superior poden verse unhas rodas que lembran ás dos carros tradicionais, mentres que na metade inferior están representadas as ondas do mar.

 No acto de inauguración da exhibición da peza, o fillo do polifacético Díaz Pardo, Camilo Díaz, lembrou os seus días en Buenos Aires, nos que pasaba diariamente polo mural de Seone para ir á Universidade da Prata. A peza foi encargada para separar as dependencias da factoría con motivo da visita do gobernador de Buenos Aires, Óscar Alende, para a inauguración do laboratorio da fábrica da Magdelana.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que se trata de "unha das poucas mostras" que hai en Galicia da arte de Seoane no formato de mural, que está concentrado en Arxentina. 

A Cidade da Cultura acolle un mural de Luís Seoane trasladado desde...
comentarios