Desconfía do home ao que non lle guste a música

En Santiago de Compostela quedan abertas dúas tendas de discos: Discoprecio e Discos Fans, que ademais de vender música de todo tipo e en varios formatos (sobre todo vinilo), tamén compran discos de segunda man
Vinilos Discos Fans
photo_camera Vinilos Discos Fans. L.Y.

Non é fácil saber cando abriu a primeira tenda de discos en España. Buscando información sobre o tema, pódese deducir que foi en Madrid, cara a finais da década dos 70. Eran os anos da Movida, da rebeldía e do rock and roll. Parecía por entón que no mundo da música era todo demasiado fácil. Os grupos que se formaban (de música punk, na súa maioría) formaban parte da Nova Onda e tiñan o luxo de soar en programas de radio a nivel nacional. Co paso dos anos, os mesmos factores que impulsaron o movemento fixeron que se acabase consumindo. A separación ou morte de varios membros de grupos de referencia, a mitificación das drogas, a propagación do VIH ou a propia popularización do movemento foron algúns dos factores que fixeron que o encanto que tiña formar parte da contracultura, do decadente e marxinal, se desvanecera.

A música é parte omnipresente das nosas vidas. Aínda que bote a vista atrás e faga memoria, non son capaz de recordar o primeiro CD que caeu nas miñas mans, xa nin digamos a primeira canción que aprendín de memoria. Podo pór banda sonora á maioría dos meus recordos.

En Santiago de Compostela quedan abertas dúas tendas de discos: Discoprecio, na Rúa Santiago de Chile, e Discos Fans, na Rúa do Hórreo, que ademais de vender música de todo tipo e en varios formatos (sobre todo vinilo), tamén compran discos de segunda man.

O bucle de decadencia no que entrou o negocio da música en físico é innegable, igual que o é a influencia que as plataformas dixitais tiveron niso. Os anos da crise e o IVE do sector afectaron e afectan ás tendas de discos, igual que ao resto de negocios. De primeiras, o peche da competencia pode parecer unha boa noticia para o resto de comercios, con todo non sempre é así. Neste caso en concreto, reducir a oferta musical nas cidades supón un retroceso cultural que nos prexudica a todos.

Conta Yago, que está detrás do mostrador de Discoprecio desde 1996, que Santiago ten a vantaxe de ser unha cidade “viva”, cun movemento cultural permanente que se renova ano a ano, coa chegada de novos estudantes. “Agora hai un abanico de xente moi nova que me vén comprar. Eu alucino porque ás veces éntrame un rapaz de 17 anos pedindo un disco de The Creation. Está habendo outra vez unha rexeneración cultural, unha aprendizaxe que se perdera. Estamos nun momento no que a xente está volvendo ao vinilo, aos clásicos.”

rtggTonha da Silva, de Discos Fans, faise cargo da tenda desde o ano 2005. Estudou Ciencias Políticas, pero a súa verdadeira paixón sempre foi a música. Explicoume que desde que está á fronte de Discos Fans, a clientela baixou, pero que “nos últimos anos hai un rexurdir moi importante. Non é un negocio para facerse rico, nin moito menos, pero é fundamental que che guste. Eu non teño a sensación de que veño traballar cando veño.”

“O que quere mercar música, mércaa. Houbo 10 anos en que a música non achegaba nada. Desapareceron as tribos, que sempre foron a forma de supervivencia da xente nova: os heavys, os punk, os rockabilly... Desapareceu esa música. Agora parece que hai un resurxir, pero é lento. É máis rápido desfacer as cousas que facelas e nós tentamos achegar un pouco culturalmente”, explica Yago.

"Agora parece que hai un resurxir, pero é lento. É máis rápido desfacer as cousas que facelas e nós tentamos achegar un pouco culturalmente”

Hai 15 ou 20 anos, estes locais eran o único lugar onde se podía obter música. Agora, programas como Spotify suplen estes servizos, adaptándoos ao estilo de vida cómodo que acompaña á nosa xeración e en certo xeito banalizando a produción musical. Con todo, os propietarios son optimistas cando se lles pregunta polo futuro. As tendas de discos teñen hoxe a sorte de ser consideradas refuxios para os clientes habituais, lugares onde o tempo parece pasar de forma distinta. “Nós temos unha clientela que prima o contacto ou poder ter unha conversa sobre música, que lle recomendes cousas… É a diferenciación que podemos ofrecer, un trato máis próximo. Persoas que empezaron como clientes acaban sendo amigos”, conta Tonha. Tamén pensa que “os peores anos pasaron. Agora, co vinilo, hai unha nova vida para estas tendas. En Vigo abriu unha nova hai uns meses e iso é un notición.”

 “Eu penso que os peores anos pasaron. Agora, co vinilo, penso que hai unha nova vida para estas tendas. En Vigo abriu unha nova hai uns meses e iso é un notición”

A pesar da lente de pesimismo coa que se adoita mirar ao futuro ao falar deste sector, a impresión que me deron non foi para nada esa. Baixo o meu punto de vista, o resumo é unha frase que me dixo Yago: “Eu teño unha teoría: que é imposible que desapareza a música. Se desaparece a música desaparece o mundo”.

Comentarios