Feijóo avoga por ampliar o Xacobeo 2021 para que polo menos "unha parte" se celebre en 2022

O presidente aposta polo uso de test de dobre banda en aeroportos para impedir que embarquen pacientes con positivos en coronavirus
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. EFE
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou este mércores por ampliar a duración do Xacobeo 2021 para que "polo menos unha parte" do Ano Santo poida celebrarse en 2022 e así mitigar os efectos da pandemia de coronavirus no turismo. 

O popular lanzou esta proposición no encontro dixital De volta á normalidade en Galicia, organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección e Deloitte. Neste marco, e ao ser cuestionado sobre o impacto da pandemia no turismo e a inminente celebración do Ano Santo, asegurou que vería positivo que a "festa espiritual" tivese continuación en 2022. 

Nesa liña, Feijóo lembrou que nunha ocasión, durante a Guerra Civil, "xa se pospuxo" o Ano Santo ao ano seguinte e que agora vería positivo que se alongase a celebración do Xacobeo e chegase a 2022. Con todo, recoñeceu que a decisión corresponde ás autoridades eclesiásticas e "non depende dunha orde ministerial".

Subliña a importancia de proxectar confianza e seguridade para facilitar a recuperación turística

Todo iso nun contexto no que fixo fincapé na importancia de proxectar "confianza" e "seguridade" para recuperar o sector turístico. "Temos que facer os territorios seguros porque o turista vai viaxar a lugares seguros", subliñou Feijóo, que cre que a xestión da crise supuxo un "custo reputacional" para España "que non é menor". 

Como proposta para ofrecer España e Galicia como un destino seguro, o mandatario autonómico expuxo que se desenvolvan protocolos nos aeroportos e leven a cabo probas aos pasaxeiros antes de embarcar nun voo. Así, apostou por que o viaxeiro se someta a un test de dobre banda, que ofrece un diagnóstico "en 15 minutos" cunha "fiabilidade do 60%, que é mellor que o cero por cento", e que, no caso de que esa persoa dea positivo no test, non poida embarcar. 

Todo isto combinado co "pasaporte Covid" —unha aplicación informática para dispositivos móbiles na que figuren os datos do paciente— e os "cribados" das persoas que puidesen estar en contacto cun infectado, de cara a achegar a "tranquilidade" que precisa o sector turístico para afrontar o novo escenario aberto tras a irrupción do coronavirus a nivel global. 

Comentarios