O fotógrafo e publicista Leopoldo Pomés falece aos 87 anos

Foi realizador dos anuncios de Freixenet coas icónicas "burbullas"
Leopoldo Pomés. QUIQUE GARCÍA (EFE)
photo_camera Leopoldo Pomés. QUIQUE GARCÍA (EFE)

O fotógrafo e publicista Leopoldo Pomés, Premio Nacional de Fotografía en 2018, faleceu este martes aos 87 anos en Xirona, onde se atopaba hospitalizado, segundo confirmaron a Efe fontes do sector editorial.

Nacido en Barcelona en 1931, exerceu varios oficios antes de dedicarse á fotografía, que aprendeu de forma autodidacta, e tamén foi coñecido pola súa traxectoria como publicista, alguén, a dicir de Manuel Vázquez Montalbán, "culpable de erotizar" a todo un país" debido ao anuncio do licor Terry de hai unhas décadas cunha modelo sobre un cabalo branco nunha praia. 

Así mesmo, foi realizador dos anuncios de Freixenet coas icónicas "burbullas" e, segundo recoñecera nalgunha ocasión, non foi fácil traballar coa norteamericana Gwyneth Paltrow pero, en cambio, con Pierce Brosnan todo fluíu. 

O pasado mes de xuño, na presentación das súas memorias No era pecado (Tusquets/Edicions 62), confesou que para el o máis importante na vida "foi mirar". 

En declaracións a Efe, a xornalista Lídia Penelo, que traballou con Pomés durante un ano na confección das súas memorias, indicou que hoxe se vai "un personaxe irrepetible, un fóra de serie, alguén que nunca se puxo límites, un hedonista".

Como fotógrafo, considerou que foi un artista que, "se nacese en Nova York, a súa obra estaría exposta en todos os museos do mundo", mentres que a súa vertente de publicista abriulle un mundo que lle permitiu cumprir o soño de coñecer a xente como os actores Gene Kelly, Demy Moore ou Pierce Brosnan". 

Durante o ano que estiveron xuntos traballando nas memorias, Lídia Penelo remarca que puido ver que era alguén que "nunca deixou de soñar, sempre ilusionado". 

Comentarios