Colgado na parede e enmarcado en casa do home que lla levou. Así pasou 20 anos un fragmento manuscrito dunha das obras crave da literatura medieval portuguesa, o Livro de Montaria, un tratado de cetrería do século XV que volverá ao lugar do que desapareceu, o Arquivo Provincial de Lugo.
Este martes, os investigadores da Policía Nacional e o Ministerio de Cultura deron conta do final da historia desta folla manuscrita coa presentación nunha rolda de prensa do documento de valor "excepcional", que se consideraba destruído desde o século XVIII e por fin volverá formar parte da obra á que pertence.
A folla atopábase nunha casa particular, enmarcada e colgada nunha parede. Aínda que o home que a subtraeu do depósito notarial de strong Monforte de Lemos preguntara a profesores e catedráticos de lingua galega sobre a importancia da peza, en ningún momento decidiu pola en mans do Arquivo de Lugo e tíñaa exposta "seguramente porque era bonita".
Cando os investigadores descubriron a localización da folla manuscrita, en 2014, o home xa falecera, pero a súa familia, axiña que soubo de que se trataba o documento, devolveuna ás autoridades voluntariamente.
O folio recuperado pertence ao Livro da Montaria, un tratado dedicado á arte da cetrería e a montería, que estuda distintas presas e técnicas para cazalas e ten especial relevancia porque, explicaron, "coñecer técnicas de caza era unha forma de prepararse para a guerra".
Este tratado elaborouse a instancias do rei portugués Joâo I, e o manuscrito orixinal data de entre 1415 e 1433, polo que é a única copia medieval que existe desta obra. Desde o ano 1600, custodiábase no colexio Xesuíta de Monforte de Lemos pero coa expulsión de España da orde no século XVIII, a obra desapareceu e considerábase destruída.
A Policía Nacional conseguiu recuperar o fragmento da obra despois de que o Arquivo de Lugo detectase entre os seus fondos outras 24 follas do libro, e as subdireccións xerais de Arquivos Estatais e de Protección do Patrimonio descubrisen que anos antes se produciu o espolio doutro folio da mesma obra no depósito notarial de Monforte de Lemos. Tras varias pescudas, deron co home.
A súa familia entregou también outros 23 documentos que formaban parte do Concello de Monforte de Lemos e desde que foron rescatados todos eles permanecían no Arquivo Histórico Nacional, onde foron restaurados, estudados, e dixitalizados.
O vindeiro xoves, o Ministerio de Cultura entregará por fin ao Arquivo Provincial de Lugo o fragmento da obra recuperada, aproveitando a celebración do Consello de Patrimonio Histórico que terá lugar en Ourense.
O director xeral de Belas Artes, Román Fernández-Baca; o comisario xefe da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (Udev) da Policía Nacional, Enrique Juárez; e o subdirector xeral de Arquivos Estatais, Severiano Hernández, resaltaron o "valor excepcional deste ben cultural" e o "resultado feliz" dos seus traballos, que é a restitución do documento.
Desde Cultura e desde a Policía fixeron fincapé na necesidade de protexer o patrimonio cultural, que é "identidade dos pobos" e xa que logo debe ser "coñecido e coidado". "A mellor forma de protexer o patrimonio é difundir a súa existencia", apuntou Severiano Hernández.