Galicia homenaxea a Xela Arias, "transición" entre o rural e urbano

Alberto Núñez Feijóo destacou que a autora "personifica a modernidade"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na homenaxe a Xela Arias. ANA VARELA
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na homenaxe a Xela Arias. ANA VARELA

Galicia rendeu este luns tributo á poeta Xela Arias, homenaxeada polo Día das Letras Galegas de 2021, sobre a que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que representa "a transición entre a Galicia rural e urbana" e "personifica a modernidade", xa que nos seus escritos entrou en "terreos pouco explorados" no seu momento, como a maternidade, o feminismo ou a crítica social.

O presidente autonómico puxo en valor que o acto se celebrou en Vigo, onde este luns "se dan cita tres mulleres que contribuíron moito" a que Galicia sexa como é hoxe. Trátase de Rosalía de Castro, que motiva esta festa do 17 de maio; Emilia Pardo Bazán, que proxecta o galego "no mundo enteiro" e a propia Xela Arias, "poeta, tradutora, editora, mestra e nai".

En relación á escritora homenaxeada, remarcou que continúa o labor do seu pai, Valentín Arias. "Na historia de Xela Arias dáse esa sorte de carreira de relevos, que fai que primeiro sexan alumnos e logo mestres", comentou respecto diso.

A continuación, reparou na "inmensa fortuna" que teñen os cidadáns galegos na actualidade de "vivir nunha Galicia na que o idioma une aos galegos e non -os- separa de ninguén". "Nin Rosalía de Castro, nin Emilia Pardo Bazán nin Xela Arias puideron imaxinar un rexurdimento como o que hoxe experimentamos e no que quedan moitas metas", selou.

O presidente galego fixo fincapé na "feliz casualidade" de que o acto deste luns coincide "co 40 aniversario da Autonomía" de Galicia. "Nestes días destacamos os logros que trouxo consigo o autogoberno en todo o que refire ao benestar material do noso país", remarcou.

Nesta liña, incidiu en que a Autonomía permitiu que os galegos se recoñecesen "como un pobo forte, unido e capaz dos máis grandes retos" e de erixísese como "un país grato que avanza en liberdades, obrigacións e benestar". Un marco no que o idioma "galego permitiu que --Galicia-- camiñase con paso firme o camiño que desemboca no autogoberno".

"O pobo galego acerta cando decide facer do idioma unha ponte e un punto de encontro e non un valado", destacou Feijóo, que trasladou o seu agradecemento tanto á familia de Xela Arias, como aos profesores do IES Castelao "por educar en liberdades aos galegos" e á RAG "por manter sempre vivo o compromiso con Galicia a través da súa lingua".

"GRAN EXEMPLO A SEGUIR". O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, comentou que o acto deste luns celébrase no IES Castelao, onde estudo Xela Arias, porque é "onde xorde a súa autodeterminación persoal". A maiores, engadiu que nos institutos "é onde prenden as vocacións, os comportamentos, os primeiros amores e os primeiros fracasos".

No acto, que contou coa actuación de A Banda da Loba e concluíu coa interpretación do himno galego a cargo dunha representación da Coral Casablanca, interveu o fillo da homenaxeada, Darío Gil Arias, quen durante o seu discurso mostrouse visiblemente emocionado.

O mozo trasladou un especial agradecemento ao seu pai, ao seu tío e á súa noiva e puxo en valor que todos os actos que rodearon a celebración deste Día das Letras Galegas foron "un éxito", así como unha "honra e orgullo" para a familia". "Que non só sexan os días das letras galegas, senón o ano, o ano de Xela Arias, e que perdure para sempre", finalizou.

Mónica Soto, amiga e portavoz do Claustro do IES Castelao, foi a encargada de abrir o evento, en nome do que indicou que no centro se senten "moi honrados e orgullosos" de contar con Xela entre o seu alumnado. Sobre ela, comentou que elixiu ese instituto "como mostra dos seus principios", dado que "era un dos poucos da época que era mixto".

"Xela sempre foi unha muller de principios, coherente e consecuente, o que a levou a involucrarse en multitude de accións. Xela é un gran exemplo a seguir polas novas xeracións", concluíu na súa intervención.

Comentarios