Galicia lembra a Rosalía con poesía, música, figueiras e caldo

Institucións e colectivos culturais renden homenaxe á autora e ao seu legado no 184 aniversario do seu nacemento
Rosalía

Galicia conmemorou este mércores o 184 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, un dos principais referentes da cultura e o patrimonio de Galicia e un emblema que excedeu as fronteiras do territorio. Como cada ano, institucións, entidades e representantes culturais impulsaron e participaron en diversos actos de homenaxe para lembrar a autora de Cantares Gallegos e Follas Novas, aínda que este ano a programación estivo marcada polas restricións da pandemia sanitaria.

Acto institucional conmemorativo do Día de Rosalía de Castro. O acto comeza no vestíbulo principal do Parlamento de Galicia coas intervencións do presidente da Fundación Rosalía de Castro, a presidenta do Consello da Cultura Galega, o presidente do Parlamento de Galicia e o presidente da Xunta de Galicia.

Os actos centrais celebráronse en Santiago e Padrón, emprazamentos moi ligados á traxectoria vital da escritora, e a cargo da Fundación Rosalía de Castro. A axenda de eventos arrincou ás 9.30 horas na capital galega coa plantación dunha filla da chamada figueira de Rosalía no exterior do Parlamento de Galicia, un exemplar centenario que se atopa nas inmediacións da casa museo da autora.

A Cámara galega acolleu así un acto de homenaxe que contou coa presenza do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ou o da propia Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

No acto, Feijóo animou a preservar a obra e valores da autora como "símbolo" da comunidade. "Galicia é rosaliana porque Rosalía nos fixo tomar conciencia da nosa terra, da importancia do noso pobo e da relevancia de ter unha cultura", sinalou.

Neste sentido, incidiu en que a figura de Rosalía demostrou que hai xestas que "non se constrúen sobre o poder político e militar", senón sobre "o poder da palabra", e plantou unha semente que deu froito a través dos numerosos autores que conforman o legado literario galego e aos que se rende homenaxe cada 17 de maio, data da publicación de Cantares Gallegos e Día das Letras Galegas.

Pola súa banda, Santalices reivindicou o "inquebrantable compromiso rosaliano" da Cámara galega e adiantou que esta institución traballará para enriquecer a súa programación cultural a través da súa colaboración coa Fundación Rosalía de Castro.

Acto en Santiago. XOÁN REY (EFE)
Santiago tamén acolleu unha ofrenda floral na Praza de Vigo, emprazamento no que estivo situada a casa na que naceu a escritora hai xa 184 anos. Alí, o consellerio de Cultura, Román Rodríguez, os rexedores de Compostela e Padrón e o propio Anxo Angueira, ademais doutros cargos, depositaron unha coroa de flores en homenaxe á autora, recitaron textos e escoitaron unha interpretación da Alborada.

Angueira destacou este "espazo emblemático" que forma parte da ruta de Rosalía e da cartografía principal da vida da escritora e de Compostela, daquela aínda como Concello de Conxo, e que viu nacer "unha esperanza" para Galicia.

Román Rodríguez, pola súa banda, destacou a capacidade da súa figura para "aglutinar un país e un pobo", como "elemento vertebral" que todos os galegos honran e recoñecen mentres "se identifican co seu traballo" e "o seu legado".

O alcalde de Santiago, José Sánchez Bugallo, resaltou que Rosalía representa "un fenómeno extraordinario" no seu tempo como parte dun grupo de mulleres galegas que destacaron a nivel internacional e foron "referentes". "Rosalía está máis viva e máis de actualidade que nunca", dixo.

Ofrenda floral en Ferrol. CONCELLO

As homenaxes realizáronse tamén desde outras administracións, como a ofrenda floral no Concello de Ferrol (na foto) ou a iniciativa do goberno local e veciños da Estrada, que renderon homenaxe á súa figura a través dun vídeo gravado por persoas do ámbito da medicina e as emerxencias sanitarias.

Ademais dunha plantación no Parque do Recordo do pazo de Faramello en Rois, a Fundación Rosalía organizou unha ofrenda floral ante a estatua de Rosalía en Padrón ás 13.00 horas.

Doutra banda, a cociñeira Lucía Freitas, do restaurante A Tafona, editou un vídeo inspirándose na súa versión da receita para o Caldo de Gloria, iniciativa inspirada no poema Miña casiña, meu lar.

Outras institucións, como as deputacións da Coruña e Pontevedra e o Concello de Lugo, sumáronse ás conmemoracións con iniciativas como o Festival Rosalía e con actos de homenaxe. Na capital lucense, a Área de Cultura promoveu unha ofrenda floral no busto da autora no parque que leva o seu nome.

Comentarios