A homenaxe de Xurxo Lobato a Carlos Casares chega ao Museo da Fonsagrada

O fotógrafo inspirouse na ruta xacobea "inesquecible" compartida co escritor no ano 1992
Xurxo Lobato, con Amador Arias, na inauguración da exposición. EP
photo_camera Xurxo Lobato, con Amador Arias, na inauguración da exposición. EP

Xurxo Lobato podería ter un récord en pasos percorridos do Camiño de Santiago, pero nese "continuamente estar facendo a ruta xacobea", como el afirma, houbo un fito. No ano 1992, o recoñecido fotógrafo e fotoxornalista seguiu as frechas amarelas do Cebreiro a Compostela con Carlos Casares e outros 12 peregrinos. A viaxe marcouno, foi "inesquecible". E dese recordo naceu este ano a exposición Os camiños de Carlos Casares, promovida pola fundación que coida o legado do escritor con fondos do Xacobeo 21, e que este venres fixo parada no Museo Comarcal da Fonsagrada.

A vida do galeguista histórico, narrador, político "e gran viaxeiro", matiza Lobato, estivo sempre vencellada ao Camiño: nado no Ourense da Vía da Prata; estudante, deputado no Parlamento de Galicia e presidente do Consello da Cultura de Galicia na Compostela á que se orienta o ceo nocturno; establecido en Nigrán, na ourela do Camiño Portugués. "Foi un gran viaxeiro e na súa vida a viaxe estivo moi presente. Á súa muller, Kristina Berg, coñeceuna nun vagón de tren de Ourense a Compostela, estando ela de viaxe. Foi un frechazo, e casaron seis meses despois", rememora Xurxo Lobato, que quixo con esta exposición homenaxear a obra, a persoa, e tamén o propio Camiño, esa trenza de paisaxe, patrimonio e paisanaxe que continúa a vertebrar diversidades.

Cando Lobato visitou, hai dous meses, o museo que este venres acolleu a mostra, tamén tivo un frechazo. Dúas mulleres, vindas de Estonia, parábanse no Alto da Fontaneira para mirar as terras coa intensidade de quen camiña. "Pensei que poderían ser, calquera delas, Kristina, que ela tamén exploraría hoxe o mundo dese xeito", indica. Ese foi un dos aromas que, para Lobato, prodúcense entre a fotografía e a escrita. O fotógrafo, que xa traballara nese diálogo entre palabra e imaxe con César Antonio Molina, no libro El fin del Finisterre, ou con Rosalía de Castro, para o proxecto Airiños Aires —que puido verse hai anos no Museo de Lugo— concibe a relación co texto coma un perfume que se produce cando as dúas linguaxes, autónomas, se rozan.

Logo da inauguración en Mondoñedo días antes das Letras Galegas, o fotógrafo amosábase onte satisfeito do acubillo ofrecido polo Museo da Fonsagrada, nun acto no que tamén estivo presente o fillo de Casares, Hank Casares, e Amador Arias. Alí poderá visitarse a mostra até o 29 de xuño de martes a venres, de 12.00 a 14.00 horas; e os sábados e domingos, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas. "Trátase dunha exposición que non vai ás grandes cidades, crendo na importancia de que a cultura se achegue tamén a vilas e aldeas", afirmou. O seu periplo seguirá por Catoira e Corcubión e finalizará en Allariz, na Fundación Vicente Risco.

Comentarios