'A illa das mentiras' estréase por fin nos cines galegos

A primeira película que dirixe a coruñesa Paula Cons recorda o afundimento do 'Santa Isabel' fronte á costa da Illa de Sálvora en 1921
Fotograma da 'Illa das mentiras'. EP
photo_camera Fotograma da 'Illa das mentiras'. EP

A illa das mentiras, a primeira película que dirixe a coruñesa Paula Cons e que recorda o afundimento do 'Santa Isabel', por fin  se estrea nas salas de cine galegas, onde recalará este venres tras pasar por diferentes festivais.

Protagonizado por Nerea Barros, Darío Grandinetti, Aitor Luna, Victoria Teijeiro, Ana Oca e Milo Taboada, a película baséase nun suceso real esquecido da historia do mar en Galicia, que a súa directora descubriu a través dunha amiga, que foi a unha pequena exposición que se celebraba en honra a estas "heroínas". 

"É unha historia que ninguén coñece, só a xente de arredores de Sálvora", conta a Efe Pons, unha moza que quedou "moi sorprendida" con esta historia e que decidiu, con ela en man, dirixir a súa primeira película de ficción. 

A madrugada do 2 de xaneiro de 1921 o busque Santa Isabel partía con 269 tripulantes cara a Bos Aires, cando fronte á costa da Illa de Sálvora chocou contra as rocas e afundiuse. 

Tan só tres mulleres "valentes" acudiron ao rescate e salvaron a 48 dos 269 tripulantes, unha historia que a cineasta galega Paula Cons retrata no filme que se estrea este venres en salas.

Segundo detalla Pons, os homes da illa estaban en terra firme, porque celebraran o fin de ano e non regresaran aínda debido ao temporal, polo que tres mulleres decidiron ir ao seu rescate.

"Pensaron que se non ían elas, morrerían todos", explica a directora, que apunta a que moitos dos homes "ouvían as ondas romper" e pensaban que estaban moi preto da terra, polo que intentaban chegar nadando, pero acababan afogándose.

Así, a bordo de dúas tornas, pequenas barcas a remo, a mozas María Fernández Oujo, Josefa Parada e Cipriana Oujo, rescataron en tres viaxes a case 48 persoas. O resto, unhas 213, pereceron no mar. 

"Coñecían perfectamente esa costa e dominaban o mar igual que un home", asegura Pons. 

Tras salvalos, sucedéronse "pomposos" homenaxes que atraeron á prensa de diferente lugares e comezaron a estenderse os rumores de que "non todo era o que parecía" e que o naufraxio "puido ser provocado".

Segundo a realizadora, "moitos dos cadáveres apareceron cos dentes arrincados e os dedos cortados", polo que "se acusou ás mulleres de roubar os dentes de ouro e os aneis".

"Acusóuselles por envexa. As homenaxes foron moi disparatadas e á xente atragantóuselle un pouco. Alguén levantou esa sospeita e da noite para a mañá pasaron de ser unhas heroínas ao esquecemento máis absoluto", afirma Pons. 

Con A illa das mentiras, a realizadora galega quere recobrar a memoria destas mulleres e "facer sentir que un thriller tamén pode ser protagonizado por mulleres coma elas", que non teñen nada que envexar a calquera "superheroe da Marvel".

A película, coprodución da produtora galega Agallas Films, a vasca Historias do Tío Luís, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000, ía chegar a salas convencionais o pasado 29 de maio. 

Con todo, a pandemia provocou que A illa das mentiras tivese que estrearse a través de Filmin, onde foi a película máis vista a fin de semana da súa estrea e no mes de agosto foi a terceira película máis vista do catálogo e a primeira española. 

"O éxito que tivo en Filmin, unido aos festivais, animounos a intentar estreala en salas, aínda co complicado que está todo", asegura a realizadora, que espera que poida estrearse nalgunhas capitais españolas.

De momento, o filme poderá verse en salas da Coruña, Lugo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, Carballo, Marín, Caldas de Rides, O Barco de Valdeorras, Leiro, A Estrada e Cee. 

Ademais, pasou polo Festival de Cine de Shangái, o recente Festival de Cine de San Sebastián e agora compite no Festival de Cine de Ourense. 

Comentarios