Inaugurada en Sarria unha exposición sobre arte postal do Camiño de Santiago

Pode visitarse ata o 17 de decembro na antiga prisión preventiva
Arte postal. CORREOS
photo_camera Arte postal. CORREOS

Correos inaugurou este venres na antiga prisión preventiva de Sarria a exposición de Arte Postal sobre o Camiño de Santiago. A mostra realiza un percorrido artístico polas diferentes rutas xacobeas, as súas paisaxes, os seus valores e as experiencias vividas nelas.

Poderá visitarse ata o 17 de decembro e conta con preto de 100 obras de técnica libre. Están realizadas por afeccionados ao mail art procedentes de países tan diversos como Arxentina, Brasil, Xapón, Chile, Canadá, Estados Unidos e España.

Os interesados en ver a exposición poden facelo de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 horas.

SEGUNDA CONVOCATORIA. A arte postal —coñecido internacionalmente como mail art—  é unha forma de expresión artística que se basea no intercambio de calquera documento ou obxecto artístico posto en circulación a través dos servizos postais. Naceu nos anos 50 para establecer vías de comunicación alternativas aos circuítos oficiais de arte e pasou a crear unha rede de intercambio de obras artísticas sempre a través das compañías de correo.

A convocatoria sobre o Camiño de Santiago é a segunda de Arte Postal que  organiza Correos. A anterior realizouse en colaboración coa asociación de pais de persoas con trastorno de espectro autista (Aspanaes) para promover a reflexión e sensibilización da sociedade cara á realidade das persoas con este tipo de trastornos.

Durante todo o ano, Correos presta o servizo de transporte de mochilas de peregrinos no Camiño de Santiago desde Sarria a través da web www.elcaminoconcorreos.com. Nesta páxina, poden informarse ademais sobre outros servizos como o envío de bicicletas no Camiño de Santiago ou de maletas ou paquetes ao longo da Ruta.

A través da web do Camiño con Correos teñen tamén información sobre as distintas Rutas Xacobeas, con fotografías das súas etapas, mapas, aloxamentos dispoñibles e recomendacións de que ver e facer en cada punto do Camiño.

Comentarios