Inma López Silva gaña o premio de xornalismo Fernández del Riego

Manuel de Lorenzo, Marta García Aller e Cristina Sánchez-Andrade, finalistas no Julio Camba

Inma López Silva. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Inma López Silva. BEATRIZ CÍSCAR

A escritora e docente Inma López Silva resultou gañadora da XVI edición do Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego polo artigo Terra rota, publicado no diario La Voz de Galicia o 10 de abril de 2018 e no que, a propósito dunha fenda que se abriu no solo en Kenia, reflexiona sobre a pouca importancia que se lle dá nos medios a certos acontecementos respecto a outros asuntos que, en palabras do presidente do xurado, Alfredo Conde, "son dun prosaico que estremece". A este galardón, que está dotado con 6.000 euros, presentáronse tan só 20 traballos, que debían estar escritos en galego.

O xurado, reunido este luns en Pontevedra, tamén escolleu os tres finalistas do Premio Julio Camba: Marta García Aller, polo artigo Cuéntalo, publicado en El Independiente o 29 de abril de 2018; Manuel de Lorenzo, por De repente, un runner, que puido lerse en Diario de Pontevedra e El Progreso o 16 de marzo de 2018, e Cristina Sánchez-Andrade, polo artigo En manos de Dios, publicado en La Voz de Galicia o 11 de maio de 2018.

O gañador coñecerase nunha gala prevista para o outono e que servirá para celebrar as 40 edicións deste galardón, tamén dotado con 6.000 euros, ao que nesta convocatoria se presentaron 114 traballos escritos en castelán, "moitísimos" deles chegados de América, destacou Conde, quen tamén fixo fincapé que entre eles había unha gran "cantidade de obituarios que encollía o corazón".

Ambos os dous premios están convocados por Afundación, a Obra Social de Abanca, e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés. O xurado complétase con Carlos Valle e Gervasio Posadas.

Comentarios