Joan Manuel Serrat: "En Cataluña non acaban de recoñecer onde está a saída"

O cantautor cre que os dirixentes independentistas seguen "mareando a perdiz"

Joan Manuel Serrat. JAVIER LIZÓN (EFE)
photo_camera Joan Manuel Serrat. JAVIER LIZÓN (EFE)

Joan Manuel Serrat considerou este xoves que o conflito catalán, lonxe de resolverse, segue dando "cada día unha sorprendente noticia", pois "segue mareando a perdiz, porque non acaban de recoñecer onde está a saída". "Pero ao final vanse marear eles", dixo o cantautor, tras deixar ver a súa estupefacción por acontecementos como "ter un presidente do Parlament que non pode propor nada e viaxa a Bruxelas a falar con outro que di que é o presidente ou pasar de non ter ningún presidente á opción de ter dúas".

Tras as últimas noticias e as soadas mensaxes interceptadas a Carles Puigdemont, Serrat negou que o independentismo sexa historia en Cataluña, pero utilizou unha metáfora bolsista para ilustrar o momento que atravesa.

"O independentismo existiu, existe e existirá", dixo. O que pode suceder, segundo a súa opinión, é que "ERC e o PDeCAT consideren que, como faría un investidor, agora hai que recuperar fondos, retirarse da Bolsa, quedar co que teñen e esperar outros tempos para seguir" con este pulso.

Serrat foi a Madrid para presentar a súa próxima xira, que arrincará en abril e terá como eixo o disco que publicou hai case medio século, Mediterráneo (1971). Preguntado polas razóns de non celebrar a rolda de prensa en Barcelona, respondeu que se fixo onde llo propuxeron.

O humor asomou ao mencionar Tabarnia, o territorio imaxinario conformado por amplas zonas de Barcelona e Tarragona onde o independentismo non é maioritario, que cualificou como "un acto satírico que ten moito que ver coa maneira do seu autor de entender o teatro... e a dramaturxia está na nosa vida". "Tabarnia é unha performance moi ao estilo do seu honorable president, Albert Boadella", comentou.

Comentarios