AVANCE

Morre aos 55 anos o escritor Carlos Ruiz Zafón

O autor faleceu en Los Ángeles, cidade onde residía
El escritor Carlos Ruiz Zafón. ALEJANDRO GARCÍA (EFE)
photo_camera O escritor Carlos Ruiz Zafón. ALEJANDRO GARCÍA (EFE)

O escritor barcelonés Carlos Ruiz Zafón faleceu este venres aos 55 anos na súa residencia de Los Ángeles (Estados Unidos), a consecuencia dun cancro, segundo informou Editorial Planeta.

"Hoxe é un día moi triste para todo o equipo de Planeta que lle coñeceu e traballou con el durante vinte anos, nos que se forxou unha amizade que transcende o profesional", sinalou a editorial, quen valorou que co seu falecemento desaparece "un dos mellores novelistas contemporáneos".

Ruiz Zafón, que vivía en Los Ángeles, onde traballaba para a industria de Hollywood, adquirira proxección internacional coa súa novela La sombra del viento, gañadora de numerosos premios e seleccionada na lista confeccionada en 2007 por 81 escritores e críticos latinoamericanos e españois cos mellores 100 libros en lingua española dos últimos 25 anos.

Carlos Ruiz Zafón foi un escritor de gran éxito editorial e as súas novelas convertéronse en auténticos bestsellers, principalmente en España e Europa, onde os seus libros figuraban entre os máis vendidos.

Ruiz Zafón publicou a súa primeira obra en 1993, a novela El príncipe de la niebla, Premio Edebé de Literatura Xuvenil e primeira da posterior Trilogía de la niebla, que completaría con El palacio de la medianoche e Las luces de septiembre.

Establecido en Los Ángeles desde 1994, estreouse para o público adulto con La sombra del viento (2001), que se converteu nun fenómeno editorial: traducida a máis de 40 idiomas, publicada en 50 países e con máis de 10 millóns de exemplares vendidos no mundo.

La sombra del viento –ambientada nunha Barcelona gótica e nun imaxinario Cemiterio dos Libros Esquecidos–, converteuse nunha tetralogía coa publicación de El juego del ángel (2008), El prisionero del cielo (2011) e El laberinto de los espíritus (2016), completando un universo literario que se converteu nun dos grandes fenómenos das letras contemporáneas.