Christopher Tolkien, fillo do autor da saga O señor dos aneis, o escritor británico J.R.R. Tolkien, morreu aos 95 anos, anunciou este xoves a Tolkien Society.
Christopher Tolkien has died at the age of 95. The Tolkien Society sends its deepest condolences to Baillie, Simon, Adam, Rachel and the whole Tolkien family. pic.twitter.com/X83PTx4b7x<> — Tolkien Society (\
TolkienSociety) January 16, 2020<>
Christopher, terceiro fillo do soado autor, foi responsable de catalogar, editar e publicar numerosos traballos que quedaran inéditos á morte do seu pai, en 1973, incluída a obra O Silmarillion.
Tamén debuxou moitos dos mapas que detallaban o mundo ficticio da Terra Media, onde se desenvolve a acción das principais novelas de Tolkien.
"O compromiso de Christopher coas obras do seu pai permitiu que visen a luz ducias de publicacións", subliñou nun comunicado o presidente da Tolkien Society, Shaun Gunner, que encomiou así mesmo o seu traballo como académico na Universidade de Oxford, onde deu clases de lingua inglesa entre 1964 e 1975.
O fillo do escritor "revelou a gran visión do seu pai dunha mitoloxía rica e complexa" ao editar O Silmarilión e "abriu unha fiestra cara ao proceso creativo de Tolkien", sinalou pola súa banda Dimitra Fimi, profesora da Universidade de Glasgow.
Os libros de O señor dos aneis foron adaptados ao cine nunha triloxía que asinou o director neozelandés Peter Jackson, estreada entre 2001 e 2003.
En 2012, Christopher Tolkien criticou esa adaptación nunha entrevista co diario francés Le Monde na que consideraba que as películas "destriparon o libro" para convertelo nunha "cinta de acción".