Morre o académico, poeta e ensaísta Xosé Luis Franco Grande

A Real Academia Galega lamenta o pasamento do intelectual, que foi un destacado divulgador do léxico galego 
SANTIAGO
REAL ACADEMIA GALEGA
SESION PLENARIA EXTRAORDINARIA CO  MOTIVO DO DIA DAS LETRAS GALEGAS.

XOSÉ LUIS FRANCO GRANDE

17052013
FOTO XOSE CASTRO
photo_camera Xosé Luis Franco Grande. XOSÉ CASTRO

A Real Academia Galega expresa "o seu fondo pesar" polo pasamento de Xosé Luís Franco Grande (Tomiño, 1936 – Vigo 2020). "O académico de número cultivou a literatura dende moi novo e tamén foi o autor de obras de referencia na divulgación do léxico galego nunha época de grandes carencias nese eido", explica a Academia nun comunicado.

Como poeta formou parte da chamada xeración das Festas Minervais cunha voz de "grande orixinalidade", aínda que a súa estrea como autor foi con Vieiro choído, a obra de teatro que inaugurou en 1957 a colección Illa Nova da Editorial Galaxia.

A infancia de Xosé Luís Franco Grande transcorreu en Tebra, no Baixo Miño, onde os seus pais eran mestres. Tras estudar o bacharelato en Vigo, cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, unha etapa que o marcaría para sempre. “Debo todo na miña vida aos compañeiros de xeración e aos galeguistas que na década dos cincuenta retomaron a loita pola dignidade nacional de Galicia”, salientaba na súa autobiografía de academia.gal.

Tras iniciar a carreira profesional como pasante na Coruña xunto a Sebastián Martínez-Risco, exerceu como avogado en Vigo e foi, ata a súa xubilación en 2001, asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo, un labor que lle impediu dedicarse como el querería á literatura. Así e todo, sempre o compaxinou coa creación e co activismo cultural, cunha participación esencial no desenvolvemento do proxecto da Editorial Galaxia, unha intensa produción como articulista –primeiro en cabeceiras como La Noche, Ínsula, Aturuxo ou Vida Gallega– e mesmo a realización dun programa radiofónico semanal na emisora La Voz de Vigo, na compaña de Xohana Torres. Na actualidade era columnista de La Voz de Galicia.

Xosé Luís Franco Grande foi durante moito tempo para o público galego o autor do Diccionario galego-castelán (1968) e do Vocabulario galego-castelán (1972), dúas obras de referencia naqueles anos para a resolución de dúbidas sobre o léxico da nosa lingua.

O académico ingresou na RAG en 1998 cun discurso titulado O Antigo Réxime nunha familia do Baixo Miño, centrado na historia dos Blanco de Sea-Franco na transición á modernidade.