A música de Abraham Cupeiro resoa en seis enclaves do Camiño Francés

O sarriao ofrecerá un ciclo de concertos en espazos patrimoniais de diferentes concellos, coa colaboración da mancomunidade da ruta xacobea
Abraham Cupeiro co karnyx, acompañado por rexedores e tenentes do alcalde. PORTO
photo_camera Abraham Cupeiro co karnyx, acompañado por rexedores e tenentes do alcalde. PORTO

O músico sarriao Abraham Cupeiro ofrecerá unha viaxe polo pasado a través de instrumentos milenarios en seis concertos en outros tantos concellos da ruta xacobea. Resoando no Camiño Francés é o nome deste ciclo no que incluirá composicións dos seus traballos Os sons esquecidos e Pangea, ademais de temas pensados para este proxecto.

A iniciativa, promovida coa colaboración da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés e a Xunta de Galicia, foi presentada onte na antiga prisión comarcal de Sarria, onde Abraham Cupeiro mostrou algúns dos instrumentos ancestrais que "resucita" nesta xira de concertos. O acto contou tamén coa asistencia do alcalde sarriao e presidente da mancomunidade, Claudio Garrido; os rexedores de Triacastela, Olga Iglesias, e Palas de Rei, Pablo Taboada; e os tenentes de alcalde de Melide, Xosé Igrexas, e de Monterroso, Luis Mariño.

Os concertos darán comezo o sábado nas igrexas de Santiago de Arzúa (13.00 horas) e de San Miguel de Monterroso (20.00). O domingo Abraham Cupeiro estará no albergue do mosteiro da Magdalena (20.00 horas). Xa o 1 de agosto trasladarase a Triacastela, onde actuará ás 13.00 horas nunha albariza na ruta de sendeirismo de San Mamede. Ese mesmo día ofrecerá un concerto na igrexa de San Pedro de Melide, ás 20.00 horas. O ciclo rematará o día 3, ás 20.00 horas, no templo de Santirso de Palas de Rei.

Para asistir ao ciclo é precios facer reserva previa chamando aos respectivos Concellos

Unhas actuacións nas que Abraham Cupeiro estará acompañado por artistas como Margarida Mariño (violonchelo), Sabela Caamaño (acordeón), Antía Ameixeiras (violín), Antonio Romero Cienfuegos (contrabaixo) e Nikolay Velikov (violín).

RESERVAS. Os concertos contarán con aforo limitado e será necesaria reserva previa chamando aos respectivos Concellos. O ciclo "fuxe das aglomeracións, pero ao mesmo tempo ten vocación de que sexa universal", afirmou Cupeiro. O músico vive con "ilusión" poñer en marcha na súa terra este proxecto, co que os asistentes poderán facer unha "viaxe ao pasado coa súa mente" a través de instrumentos tales como o karnyx, un duduk, unha caracola, un cornetto ou unha corna que foi atopada por Carlos Tallón nun monte de Sarria. O proxecto completarase cuns vídeos resumo das actuacións.

Os rexedores e tenentes de alcalde mostráronse "moi orgullosos" de que "un músico deste nivel" e "internacional" actúe nos seus concellos. "Ademais é veciño e gústanos valorar aos nosos artistas" e que sexan "profetas na súa terra", engadiron os responsables, que agradeceron a colaboración da Xunta.

Con estes concertos porase en valor a música e, ao mesmo tempo, o patrimonio dos municipios. Os mandatarios destacaron que o ciclo axudará a "promocionar" e "dar máis visibilidade" ao Camiño Francés nestes momentos, "co problema da pandemia".

Comentarios