Nace a marca Fest Galicia para profesionalizar e promocionar os festivais galegos 

Están integrados na marca o PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal Son Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, Sorrías Baixas, Revenidas, Festival da Luz e WOS Festival

 

Presentación de la marca Fest Galicia. TWITTER
photo_camera Presentación da marca Fest Galicia. TWITTER

Representantes da Xunta e do mundo da cultura participaron este mércores na presentación de Fest Galicia, unha nova marca promovida desde a Administración galega para profesionalizar e promocionar os festivais de música da comunidade e promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, "sustentabilidade e responsabilidade". 

A iniciativa arrinca con dez festivais de verán, adheridos tras unha convocatoria pública, que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical", tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización. No entanto, a marca está aberta a incorporar novas citas no futuro. 

En concreto, os festivais galegos que arrincan este proxecto son PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, Sorrías Baixas, Revenidas, Festival da Luz e WOS Festival. 

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, dixo durante a presentación da marca que os festivais son unha "actividade cultural e económica" que se está convertendo en "referente" dentro da cultura galega e que ten implicacións económicas, sociais e turísticas, entre outras. 

Entre outros obxectivos, dixo o conselleiro, este proxecto buscará impulsar a sustentabilidade dos festivais, incrementar o retorno económico para as comarcas nas que se asentan, mellorar a captación de públicos, divulgar valores sociais ou apoiar aos artistas e creadores galegos, entre outras cuestións.

ACCIONES ESTRATÉXICAS. Entre as actuacións estratéxicas nas que traballa a Xunta neste ámbito, Román Rodríguez mencionou a realización de estudos de impacto económico, social e mediático dos eventos; a redacción dun manual de boas prácticas asociado á posta en marcha dun selo de calidade que recoñeza aqueles festivais que cumpran criterios de excelencia, profesionalidade e sustentabilidade; e a elaboración dun plan estratéxico do sector. 

Neste sentido, Fest Galicia realizará estudos de impacto destes eventos co fin de obter datos sobre o seu retorno directo, indirecto e inducido. As medicións serán realizadas por un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para as accións da marca. Nesta primeira edición, estudaranse os impactos xerados nos festivais PortAmérica, Resurrection Fest, Sinsal SON Estrella Galicia, Sonrías Baixas e Revenidas. 

Esta estratexia tamén leva aparellado un manual de boas prácticas, que abarca os ámbitos legal, ambiental ou laboral, entre outros, co obxectivo de servir de guía para todos os festivais. En estreita relación con esta medida, desenvolverase a medio prazo un selo a modo de distintivo que recoñeza e dea visibilidade aos grandes eventos musicais galegos organizados con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade. 

A posta en marcha de FEST Galicia implicará, así mesmo, a elaboración dun plan estratéxico para este sector musical, de novo en colaboración directa cos seus representantes, dixo o conselleiro.

AGRESIÓNOFF. No acto deste mércores participou tamén a directora xeral de Igualdade, Susana López Abella, que incidiu na importancia de que este tipo de grandes eventos manteñan "o respecto entre as persoas". 

Nesta liña, recordou que as mulleres que participan neste tipo de actividades "sofren en maior medida abusos e agresións machistas físicas ou verbais, que non se poden consentir". 

Por iso, a marca vincularase coa campaña AgresiónOff, cuxo obxectivo principal é que as mulleres "estean seguras nestes grandes eventos". Para iso, implantaranse diversas medidas, entre as que están un decálogo contra a violencia sexual, distribución de material informativo nos eventos, proxección de vídeos nos escenarios dos festivais, ademais de persoas in situ dando información e formación de como actuar ou a quen acudir en caso de agresións. 

Comentarios