Unha obra de El Greco xa pode visitarse no Museo de Pontevedra 

O cadro 'Retrato de un médico' atópase na Sala de exposicións temporais número 1 do Sexto Edificio

Dúas mulleres observan a obra 'Retrato dun médico' de El Greco. JAVIER CERVERA
photo_camera Dúas mulleres observan a obra 'Retrato dun médico' de El Greco. JAVIER CERVERA

O Museo de Pontevedra é a sede escollida en Galicia para celebrar o bicentenario da fundación do Museo do Prado. Así, con motivo desta efeméride e atendendo á relación histórica entre ambas as institucións museísticas a Sala de exposicións temporais número 1 do Sexto Edificio acolle a obra Retrato dun médico de El Greco que forma parte da Colección Real do Museo do Prado. 

"É unha obra singular, un dos mellores retratos de El Greco", manifestou o director do Museo do Prado, Miguel Falomir, durante o acto de apertura da mostra 'De xira por España' celebrado este luns e que contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. 

Miguel Falomir tamén incidiu en que a relación do Museo de Pontevedra co Museo do Prado remóntase á propia fundación da institución pontevedresa en 1927 e, sobre todo, á figura do pontevedrés Sánchez Cantón, que traballaría no Museo do Prado durante 50 anos, primeiro como conservador e despois como director. 

Falomir explicou que escolleron o Museo de Pontevedra como unha homenaxe a Sánchez Cantón, "un personaxe absolutamente clave na historia do Prado", afirmou, e tamén pola "excelencia do Museo de Pontevedra tanto en instalacións como en persoal e equipo técnico", abundou. 

A mandataria provincial agradeceulle o xesto ao Museo do Prado e sinalou que "a cultura e a arte son do pobo, das persoas, e esta idea de que a arte viaxe fóra do Museo democratiza o Museo do Prado".

"MUSEO NACIONAL DE GALICIA". Carmela Silva tamén insistiu en que o de Pontevedra "merece ser considerado o Museo Nacional de Galicia porque alberga obras que falan da nosa historia como galegos e como galegas". 

Despois de Andalucía, Galicia é a segunda comunidade canto a obra en depósito do Prado, ao albergar 336 pezas das 1.900 que ten depositadas por todo o Estado, sendo o Museo de Pontevedra "un dos principais beneficiarios". A día de hoxe o Museo de Pontevedra alberga un total de 76 obras en depósito procedentes do Museo estatal. 

Comentarios