Paramount prepara unha precuela de 'Grease'

Summer Loving é o título deste proxecto, que abordaría o verán de romance que viviron os dous protagonistas

Grease, a Constitución e mais eu somos de 1978. Tell me more. EP
photo_camera Un momento da película 'Grease'. EP

O estudo Paramount prepara unha precuela do soado musical Grease (1978), informou este martes o medio especializado The Hollywood Reporter. Summer Loving é o título deste proxecto para o que se fichou a John August, guionista de Big Fish (2003), Corpse Bride (2005) ou da inminente e nova versión de Aladdin, que chegará aos cines en maio.

John Travolta e Olivia Newton-John foron os protagonistas de Grease, un dos musicais máis famosos da historia, cuxa pegada e legado aínda perviven na cultura popular máis de catro décadas logo da súa estrea. Baseada no musical homónimo de 1972 e ambientada nos anos cincuenta, esta película centrábase no amor xuvenil nos corredores do instituto entre o rebelde Danny (Travolta) e a inocente Sandy (Newton-John).

A precuela abordaría o verán de romance que viviron os dous protagonistas e cuxa ruptura, só cicatrizada despois ao coincidir os dous mozos no novo curso, era o punto de partida de Grease.

Grease e Saturday Night Fever converteron a Travolta nunha das estrelas máis importantes de Hollywood

Cancións como You're The One That I Want ou Summer Nights convertéronse en tremendos éxitos e aínda hoxe son dos temas máis solicitados nos karaokes de todo o mundo. A banda sonora do filme foi o segundo disco máis vendido dese ano só por detrás do acompañamento musical doutra película: o de Saturday Night Fever (1977).

Tanto Grease como Saturday Night Fever converteron a Travolta nunha das estrelas máis importantes de Hollywood. Ademais, Grease, que contou con Randal Kleiser como director, relanzou, coa súa mirada nostálxica aos anos cincuenta, a paixón e a moda polas carreiras de coches, os tupés e chúpalas de coiro.

Comentarios