A polémica rodea unha axuda pública ao novo filme de Óliver Laxe

O seu irmán nega un papel activo na entrega de fondos do Icaa a 'Aquilo que arde'

Óliver Laxe. EFE
photo_camera Óliver Laxe. EFE

Felipe Lage Coro participou na adxudicación dunha axuda de 103.600 euros a Aquilo que arde, a película que o seu irmán está a rodar nos Ancares, Óliver Laxe Coro, segundo aseguraba este xoves o diario El Mundo.

Felipe Lage foi un dos catorce expertos que valorou as axudas que entrega o Instituto do Cine (Icaa) nunha reunión mantida o pasado día 13 de decembro.

O proxecto de Óliver Laxe quedou segundo na estimación. Obtivo 77,5 puntos, o que o capacitaba para que se lle entregue o 85% do pedido. A cifra da axuda é de 103.600 euros.

O fondo destinado á produción de cine español achégase aos 8,6 millóns. Sobre un total de 100 puntos, a metade outórgase en atención a un baremo. Outros 35 puntos responden "a calidade e valor artístico do guion".

A regulación da análise das axudas establece expresamente que os vogais non poden "participar nin directa nin indirectamente" en proxectos que deban ser valorados pola comisión de expertos.

"Eu fixen explícito desde o principio cal era a miña relación cun dos candidatos e así llo expliquei ao Icaa. Insistíronme en que non había problema. A propia mecánica da comisión facía imposible que interviñese. Cada proxecto era lido por cinco membros. Non todos nos faciamos cargo de todos. Obviamente, non tiven nada que ver co do meu irmán", comenta Felipe Lage.

El Mundo asegura que ese modo de obrar do xurado non figura en ningún documento público e remarca que o Icaa fai responsable aos 14 expertos da decisión.

O organismo público incide en que Felipe "Lage non avisou de que nunha película involucrara un familiar".

Comentarios