O programa O mellor cocido do mundo, producido pola Televisión de Galicia e Setemedia Producións Audiovisuais, foi galardoado co premio de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro que, no seu vixesimoquinta edición, fallouse este mércores en Lalín. Este traballo audiovisual foi o mellor valorado polo xurado entre os catorce presentados a esta convocatoria.
O mellor cocido do mundo fai un completo percorrido pola historia desta preparación centenaria, en que circunstancias hai que comelo, a festa que se forma ao redor deste prato ou os produtos que forman parte del e fai, ademais, unha especial incidencia na Feira do Cocido de Lalín, declarada festa de interese turístico nacional.
🏆😄 Hoxe estamos moi felices! O @ConcellodeLalin acaba de galardoar ao noso programa 'O Mellor Cocido do Mundo' https://t.co/XLseKzGr3A
— TVG (@TVGalicia) 13 de febreiro de 2019
Se queres velo, aquí o tes en HD en #ÁCarta https://t.co/UoZFU9G6Bh pic.twitter.com/2rH0W5OBI3
O segundo premio foi para o libro Estrellas de la despensa gallega y 67 recetas con historia y sabor, publicado pola editorial Galaxia e do que é autora Carina Regueiro Domínguez.
Na categoría académica, o xurado recoñeceu o proxecto Raíces dulces, presentado por cinco alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, que repasa a influencia da cultura e a gastronomía xudía en Galicia.
O xurado estivo formado polos decanos das tres facultades de comunicación de Galicia e os xornalistas Xosé Manuel Pereiro, Martina Vicente e Xurxo Salgado.
O premio Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico está dotado con 3.000 euros, mentres que aos gañadores do premio académico correspóndenlles 1.000 euros.