A RAG homenaxea a figura de Carvalho Calero cunha ofrenda floral "chea de afecto"

As circunstancias obrigaron a celebrar un "acto sinxelo", pero que non estivo exento de "admiración e agradecemento"
Homenaxe ás portas da casa na que viviu Carvalho Calero en Santiago. RAG
photo_camera Homenaxe ás portas da casa na que viviu Carvalho Calero en Santiago. RAG

Unha sinxela ofrenda floral presidida por integrantes da Real Academia Galega (RAG), autoridades autonómicas e o alcalde de Santiago foi a forma de homenaxear ao autor Ricardo Carvalho Calero no Día das Letras Galegas, que este ano se celebran de forma atípica debido á pandemia de coronavirus.

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, a académica Margarita Ledo, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, foron algunhas das personalidades que se achegaron ata a porta da casa na que viviu o intelectual en Santiago de Compostela, na Rúa Carreiro do Conde, para realizar esta ofrenda floral, recitar un dos seus poemas e dedicarlle unhas palabras este domingo.

A situación obrigou a que este 17 de maio optásese por un acto "sinxelo" que o presidente da RAG quere lembrar como unha celebración "chea de afecto, admiración e agradecemento", por encima de todo o demais. O 17 de maio "sempre é un día especial", unha "data simbólica do noso Rexurdimento, da nosa identidade nacional, do noso idioma no que aprendemos os primeiros nomes das cousas e que nos instala entre as culturas do mundo", engadiu.

Alí, tamén rememorou "o traballo, lealdade á causa de Galicia, compromiso e esixencia" que reflicte a obra do autor homenaxeado este ano. De todos os xeitos, Freixanes espera que o próximo 31 de outubro, a Real Academia poida realizar unha homenaxe en condicións na cidade natal de Carvalho Calero, en Ferrol. Así, a celebración coincidirá co 110 aniversario do nacemento autor, que "naceu o mesmo ano no que apareceu no ceo o cometa Halley".

Foi o propio don Ricardo o primeiro en establecer unha relación entre o paso deste cometa polo ceo e o seu nacemento, nun dos seus poemas. Por iso mesmo, Margarita Ledo decidiu darlle voz nesta homenaxe a eses versos que o autor dedicou ao seu irmán Álvaro Cunqueiro en 1980. A académica recitou: "O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja o dixeches, / namentres nós nacíamos. / E o cometa Halley brillaba no ceu, / e Tolstoy se apagaba cando nós nacémos (...). A princípios de século nacémos, / a fins de século morrémos. / Ti e máis eu fomos, verdadeiramente, / fillos do noso século".

Neste 2020 cúmprense 57 anos desde que se empezou a celebrar o Día das Letras Galegas, o pasado 17 de maio de 1963. Aquel día o Pazo de Fonseca de Santiago acolleu aquela primeira celebración, na que o propio Carvalho Calero dedicaba as súas palabras á poeta homenaxeada, Rosalía de Castro.

Nesta ocasión tocoulle ao mestre Don Ricardo recibir a admiración dos intelectuais galegos que o lembran como un "poeta intenso e esixente" que construíu "un universo por primeira vez" coa documentación da historia da literatura galega.

Comentarios