'Raposiña' ou 'Seteiro', nomes das constelacións aprobados pola RAG

O mapa celestial estrea topónimos oficiais en galego nun paso adiante a favor da incorporación da lingua ao ámbito científico
Vista da Vialáctea. AEP
photo_camera Vista da Vialáctea. AEP

A Real Academia Galega (RAG) aprobou unha proposta normalizada e oficial dos nomes das 88 constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional, de modo que Sagittarius pasa a chamarse Seteiro ou Arqueiro e Vulpecula é agora Raposiña, entre outros.

A Casa das Ciencias da Coruña acolleu este xoves a presentación da proposta dos nomes das constelacións, froito da colaboración establecida entre o Seminario de Terminoloxía co equipo formado polo vogal da Agrupación Astronómica coruñesa Ío Martin Pawley; o creador de Ceos Galegos, Dosi Veiga, e o profesor de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela, Salvador Bará.

No acto, o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, subliñou a necesidade de "reivindicar o galego como lingua de uso común en todos os ámbitos".

"Esta iniciativa paréceme importante polo que significa seguir profundando nos traballos que a RAG realiza a favor da incorporación da lingua galega ao ámbito científico, incluso colaborando con especialistas e institucións que achegan os seus coñecementos", destacou.

Neste sentido, celebrou que o galego "estea a circular" no firmamento porque é "unha ferramenta de divulgación e estímulo para as novas xeracións".

Pola súa banda, o catedrático de Filoloxía Románica e responsable do seminario de Terminoloxía, Manuel González, explicou que había "moitos estudiosos e traballadores da Astronomía que usaban denominacións en galego para as constelacións".

"Pero había diverxencias na denominación entre uns e outros usuarios da lingua", indicou González, que considerou que "isto non é conveniente", xa que "a transmisión do coñecemento especializado debe ter unha normalización uniforme". "Tratamos de dar resposta a ese problema", apostilou.

Ademais, o director de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo, celebrou que esta iniciativa é "gratificante" porque axuda a "normalizar a lingua" e a "facer realidade a premisa de que o galego vale para todo".

"Gústame lembrar que a astronomía, o coñecemento do firmamento, ao longo da historia serviunos para navegar polo espazo e polo tempo", subliñou Martin Pawley antes de presentar unha breve sesión de planetario.

Virxe, Peixe Voador, Osa Maior, Osa Menor, Aiga, Seta, Popa, Compás, Retículo, Escorpión, Escultor, Touro, Carneiro, Ave do Paraíso, Augadeiro, Sextante, Triángulo, Telescopio o Velame, son otros de los nombres aprobados por la RAG.