Solicitan que se lle dedique o Día das Letras Galegas a Fernández del Riego

"Foi o fío condutor de todos os sucesos que definiron a evolución do noso país durante o século XX", afirman desde a Asociación Cultural Patrimonio Laurentino
Fernández del Riego. AEP
photo_camera Fernández del Riego. AEP

A Asociación Cultural Patrimonio Laurentino solicita que se lle dedique o próximo Día das Letras Galegas ao "intelectual galeguista e laurentino universal Francisco Fernández del Riego", cando se cumpren dez anos do seu falecemento, o 26 de novembro de 2010.

"Este home, Fillo Predilecto de Lourenzá", precisa este colectivo nun comunicado, "foi unha das personalidades máis emblemáticas da cultura galega e un claro exemplo de vida entregada a unha causa, a causa de Galicia".

Lembra, así mesmo, que foi "entre outras cousas impulsor e promotor do Día das Letras Galegas", polo que esta asociación, ademais de presentar a súa candidatura, confirma que apoiará ou promoverá "calquera iniciativa encamiñada a ese fin".

"Foi o fío condutor de todos os sucesos que definiron a evolución do noso país durante o século XX e o transmisor fundamental do ideario galeguista, o amor pola terra e a defensa da nosa identidade colectiva", conclúe.

Comentarios