'La sombra de la ley', de Dani de la Torre, logra seis nomeamentos aos Goya

Dhogs non logrou ningún nomeamento a pesar de que a Academia de Cine aceptara 19 candidaturas por esta película ►Gutiérrez e Zahera optan a dous 'cabezóns'

Fotograma de 'La sombra de la ley'. DP
photo_camera Fotograma de 'A sombra da lei'. DP

A película La sombra de la ley do monfortino Dani de la Torre, recibiu seis nomeamentos na 33 edición dos premios Goya. 

En concreto, o seu filme, rodado entre Barcelona e Galicia, foi nomeado á mellor dirección de fotografía, mellor dirección artística, mellor deseño de vestiario, mellores efectos especiais, mellor maquillaxe e barbería e mellor música orixinal. 

Pola súa banda, Javier Gutiérrez, nacido en Asturias pero que se criou en Ferrol, obtivo un nomeamento como mellor actor pola cinta Campeones

O compostelán Luís Zahera opta a mellor actor de repartición por El Reino e, no apartado de mellor película documental figura Desenterrando Sad Hill, do vigués Guillermo de Oliveira. 

Como mellor curtametraxe de ficción foi nomeado Matria, de Álvaro Gago, que xa gañou no seu día o galardón do xurado do Festival de Sundance.

O filme gañador dos Mestre Mateo, Dhogs, do meirego Andrés Goteira, non logrou ningún nomeamento a pesar de que a Academia de Cine aceptara 19 candidaturas por esta película.

RESTO DOS NOMEAMENTOS. Polo demais, El Reino, a película de Rodrigo Sorogoyen, e Campeones, a cinta de Javier Fesser, lideran con trece e once candidaturas respectivamente os nomeamentos á 33 edición dos premios Goya. 

A estas películas séguenlle Carmen y Lola, de Arantxa Echevarría, e Todos lo saben, de Asghar Farhadi, con oito nomeamentos. Quien te cantará, de Carlos Vermut, logrou sete nomeamentos. 

Outras películas que optarán a varios premios son La sombra de la ley, con seis nomeamentos; Yuli, de Icíar Bollaín; El hombre que mató a Don Quijote, de Terry Gilliam, con cinco; ou Viaje al cuarto de una madre e El fotógrafo de Mauthasen, con catro. 

Superlópez, mellor estrea española do ano, queda con tres nomeamentos e a triunfadora no Festival de San Sebastián, Entre dos aguas, con dous nomeamentos --aínda que das principais, a mellor dirección e mellor película--. 

Mentres, cintas como Petra, de Jaime Rosales, ou Las distancias, de Elena, márchanse sen carga desta lectura de nomeados. 

En canto ás nomeadas a mellor película, son Campeones, Carmen y Lola, El Reino, Entre dos aguas e Todos lo saben

Unha das noticias máis destacadas nunha edición moi repartida é a presenza de maioría de mulleres na categoría de dirección novel: Celia Rico (Viaje al cuarto de una madre), Arancha Echevarría (Carmen y Lola) e Andrea Jaurrieta (Ana de día). 

Pola contra, en mellor dirección todos os nomeados serán homes. Entre os nomeados a mellores actores e actrices, figuran nomes habituais como os de Javier Bardem ou Penélope Cruz polos seus papeis en Todos lo saben), Javier Gutiérrez (Campeones) ou Nawja Nimri (Quien te cantará). 

Estes nomes mestúranse co de noveis como os actores Jesús Vidal ou Gloria Ramos (Campeones), ambos na categoría de revelación, ou a actriz Susi Sánchez por La enfermedad del domingo na categoría de protagonista. 

Tamén se produciron dobretes como os de Javier Fesser (mellor dirección e montaxe), Antonio de la Torre (actor protagonista e repartición) Arantxa Echevarría (guión orixinal e dirección novel) ou Asghar Fahardi (dirección e guión orixinal). 

A actriz Rossy de Palma e o intérprete e director Paco León desvelaron na sede da Academia os nomeados nas 28 categorías. Os actores estiveron acompañados polo presidente da institución, Mariano Barroso, e o notario Eva Sanz. 

Do mesmo xeito que outras grandes citas cinematográficas do ano –os premios Forqué ou os Feroz–, os Goya sairán de Madrid en 2019. Así, a entrega dos galardóns terá lugar o 2 de febreiro no Palacio de Congresos e Exposicións de Sevilla, FIBES. 

Comentarios