Sundance estreará un documental sobre os presuntos abusos de Michael Jackson

"No apoxeo da súa fama, Michael Jackson comezou unha longa relación con dous mozos, de sete e dez anos, e as súas familias. Agora, xa na trintena, estes contan a historia"

Michael Jackson. EP
photo_camera Michael Jackson. EP

O Festival de Cine de Sundance, a cita máis importante para as películas independentes en Estados Unidos, anunciou nun comunicado de prensa que estreará na súa próxima edición un documental sobre uns presuntos abusos sexuais cometidos polo cantante Michael Jackson. Leaving Neverland é o título deste documental dirixido por Dan Reed e unha das últimas incorporacións á programación de Sundance, que terá lugar en Park City (Utah, EE UU) do 24 de xaneiro ao 4 de febreiro.

"No apoxeo da súa fama, Michael Jackson comezou unha longa relación con dous mozos, de sete e dez anos, e as súas familias. Agora, xa na trintena, estes contan a historia de como foron abusados sexualmente por Jackson", lese na sinopsis oficial do documental na web de Sundance.

O rei do pop, que faleceu en 2009 aos 50 anos por unha sobredose de medicamentos, foi acusado en diferentes ocasións de abusar sexualmente de menores. En 2005 foi absolto nun xuízo no que se lle acusaba de abusar dun mozo, mentres en 1994 chegou a un acordo económico fóra dos tribunais coa familia doutro mozo que lle sinalaba polo mesmo delito.

Ademais de Leaving Neverland, os organizadores de Sundance tamén anunciaron a incorporación a última hora do documental The Brink sobre Steve Bannon, o ultradereitista que traballou como estratego xefe na Casa Branca para o presidente estadounidense, Donald Trump. 

Comentarios