Titiriberia ampliará o seu carácter internacional con actuacións de artistas de Brasil e Italia

O festival celebrará a súa cuarta edición no Concello de Teo entre o 9 e o 15 de novembro e incluirá entre as súas actividades diferentes exposicións ou un obradoiro profesional 
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera A titiriteira napolitana Irene Vecchia. EP

O Festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, celebrará a súa cuarta edición entre o 9 e o 15 de novembro. Este ano, o festival afondará na súa vertente internacional a través da presenza na súa programación de artistas procedentes de Italia e Portugal.

O cartel de Titiriberia deste ano inclúe o artista de orixe brasileiro Marcelo Lafontana, que lle presentará ao público teense o Mamulengo, o personaxe brasileiro equivalente ao Barriga Verde galego, e a napolitana Irene Vecchia, que traerá ao Titiriberia un dos mellores exemplos existentes dos pulcinella napolitanos, tradición titiriteira con cinco séculos de existencia á que se remonta a orixe do noso Barriga Verde.

Deste xeito, o Festival Titiriberia encaixará a tradición do gran personaxe galego do xénero dos títeres da cachaporra nun marco global, ao emparentalo tanto coa tradición europea como coas expresións artísticas do outro lado do Atlántico.

O artistas luso Marcelo Lafontana e a napolitana Irene Vecchia serán os nomes internacionais que actuarán na barraca que o festival instalará, un ano máis, durante a Feira de Francos 

Lafontana actuará en varios pases o luns 11 de novembro na Feira de Francos, dentro da Barraca que Titiriberia instalará no recinto pola Festividade do San Martiño. Ademais, o próximo 12 de novembro, o artista brasileiro afincado en Portugal visitará o IES de Cacheiras para ofrecer unha función ao público escolar dentro da programación paralela nos centros de ensino que este ano Titiriberia leva a cabo baixo o nome de Da barraca á aula.

Pola súa banda, Irene Vecchia ademais da súa actuación na Feira de Francos, ofrecerá un curso de manipulación de monicreques para os profesionais do sector. A implicación destes dous artistas no Titiriberia amosa dúas claves desta cuarta edición, na que o festival pretende por unha banda achegar ao público escolar o xénero dos monicreques e, pola outra, incidir na vertente profesional deste encontro centrado na tradición ibérica dos bonecos que en vindeiras semanas dará a coñecer o conxunto da súa programación para este 2019.

DÚAS EXPOSICIÓNS. Entre as actividades paralelas que desenvolve o Festival Titiriberia, destaca o apartado dedicado as exposicións. Dúas mostras achegarán ao público a historia e a tradición do xénero. A primeira delas xa está aberta dende o pasado 15 de outubro na piscina municipal e permanecerá aberta até o 15 de novembro, día no que remate a cuarta edición de Titiriberia. Baixo o título de A grande familia do títere europeo, a exposición afonda na xenealoxía de Barriga Verde e do resto de personaxes da tradición continental. Así, nos paneis informativos poderemos coñecer a Pulchinella, Punch, Guignol ou Kasper. 

A segunda exposición situarase na propia Feira de Francos os días 10 e 11 de novembro. Co lema Onde foi Barriga Verde?, a mostra ofrecerá unha reflexión xeral sobre o personaxe e o seu esquecemento, a historia da familia Silvent, a importancia das feiras, o patrimonio inmaterial ou a tradición dos títeres europeos. 

Comentarios