Vázquez Monxardín, novo académico correspondente da RAG

É autor de destacadas investigacións de fondos documentais relacionados con personalidades da cultura galega

Afonso Vázquez-Monxardín, novo académico correspondente da Real Academia Galega. EP
photo_camera Afonso Vázquez-Monxardín, novo académico correspondente da Real Academia Galega. EP

Afonso Vázquez- Monxardín (Ourense, 1960) foi nomeado novo académico correspondente da Real Academia Galega (RAG) despois de que o pleno da institución con sede na Rúa Tabernas votase favorablemente á proposta de incorporar ao catedrático de Lingua e Literatura Galegas. A RAG informa así, nun comunicado, da adhesión xa formal deste autor de destacadas investigacións de fondos documentais relacionados con personalidades da cultura galega —singularmente das gravacións de intelectuais como Otero Pedrayo— e activista cultural de referencia na súa cidade natal.

É licenciado en Xeografía e Historia e desde 1983 exerce como docente de Lingua e Literatura Galegas como catedrático no IES As Lagoas de Ourense. Foi o organizador da primeira campaña de microfilmación de prensa e rescate de publicacións no Centro Galego de Buenos Aires para o Arquivo da Emigración.

A tradución é outro dos campos nos que estivo implicado e é por iso que en 1985 participou na creación da Asociación Galega de Tradutores. En 1979 comezou as súas colaboracións en prensa, na Rexión, onde publicou setenta artigos sobre a evolución da toponimia urbana en Ourense e, polo seu labor como articulista, foi merecedor do Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares (2017) e o Premio Aurelio Carracedo de Xornalismo (2009).

Desde hai un ano é secretario da Fundación Otero Pedrayo, onde organizou recentemente a terceira edición do Abril Oteriano.

Comentarios