miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

Xela Arias chegará a recunchos de toda Galicia no Día das Letras

Presentación do programa. EFE
Presentación do programa. EFE
O acto central da homenaxe á escritora nacida en Sarria desenvolverase en Vigo, onde residiu

A programación en homenaxe á sarriá Xela Arias polo 17 de maio chegará a todos os recunchos de Galicia da man de decenas de iniciativas como exposicións itinerantes, edicións conmemorativas e todo tipo de accións sociais ou educativas dirixidas a difundir e abordar a vida e obra da docente, escritora e editora luguesa.

Tanto o Goberno galego como a RAG levarán os actos centrais á propia cidade de Vigo, onde residiu e se celebrará o pleno de conmemoración organizado pola Academia. A autora será, ademais, a protagonista da segunda conmemoración das Letras Galegas condicionada pola pandemia do covid, tras a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero o pasado 2020.

Por iso, a Xunta, a Real Academia Galega e o resto de institucións e entidades implicadas tamén botarán man das posibilidades das novas tecnoloxías para tratar de manter o pulso e levar as actividades ao redor da figura de Arias a todo o territorio.

INFANCIA. A exposición Xela Arias. Asinamos ser libres, sobre a vida, obra e o contexto histórico da autora, percorrerá dez municipios, e a mostra ‘Aquela meniña de Sarria’ repasará as orixes e a infancia da homenaxeada neste municipio lucense na Biblioteca Provincial de Lugo.

Darío Gil, fillo da autora, promoverá a mostra fotográfica Tigres coma cabalos con preto de 50 pezas, inspirada no poemario asinado por Arias, e que chegará a Vigo e Santiago xunto a reedición da obra en formato catálogo expositivo. Outra proposta será a exposición sobre o fondo bibliográfico da autora presente na Biblioteca de Galicia e a iniciativa virtual Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor, cunha fotogalería con preto de 30 imaxes que se poderá ver no Portal da Lingua Galega.

ESPECTÁCULO. Vencerse é cousa de tratarse propón un espectáculo poético-musical sobre a última obra da autora, Intempériome, e que fará realidade un proxecto da propia Xela Arias.

A Cidade da Cultura acollerá unha lectura participada en maio coa que se realizará unha peza audiovisual que se difundirá en redes sociais, recolleranse e difundirán testemuños de familiares, amigos e representantes da cultura galega e proxectaranse versos e imaxes de Arias en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia.

INÉDITOS. No ámbito editorial, impulsaranse obras inéditas como Non te amola!, que a autora ultimaba cando faleceu, ademais de edicións especiais, biografías e reedicións das súas creacións.

O Portal das Palabras da RAG, o Consello da Cultura Galega ou a CRTVG desenvolverán contidos específicos sobre a vida e obra da autora.

Entre eles, o 16 de maio celebrarase o Concerto das Letras Galegas organizado polo Consello da Cultura Galega a cargo de Pico Amperio e a lucense Laura LaMontagne.

No ámbito educativo, a Xornada do Día das Letras Galegas ofrecerá ferramentas aos centros para abordar a figura de Arias, mentres que a Academia organiza de novo a iniciativa Primavera das Letras.

A RAG tamén impulsará un simposio centrado na súa figura e dirixido ao profesorado de lingua galega e literatura, mentres que os equipos de dinamización dos centros deseñarán todo tipo de iniciativas sobre a autora.

Entre as decenas de iniciativas que levarán a cabo os centros, destacan unhas xornadas do Ies Xelmírez II de Santiago coa participación de María Xesús Nogueira e Fernando Abreu, e a programación do Ies Castelao de Vigo, con lectura de poemas, actuacións musicais, relatorios e coloquios. Outras accións que abarca a programación das Letras inclúen certames de relato, debuxo, fotografía, rap en galego, ou de podcast dirixidos aos mozos.

TREN. Mentres Renfe levará a imaxe da autora ás súas estacións e trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Vigo e A Coruña- Ourense.

A véspera do 17 de maio, supermercados Gadis regalará preto de 30.000 libros en galego, 30.000 marcapáxinas e 60.000 bolsas de papel; mentres que Vegalsa-Eroski divulgará carteis e bolsas de compra conmemorativas.

O programa foi presentado en Vigo da man do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Xela Arias chegará a recunchos de toda Galicia no Día das Letras
comentarios