O xornalista galego Fernando Ónega gaña o Premio Ondas

Sabina, Aute, Michael Robinson, 'Masterchef' e a serie 'Patria', entre os galardoados
Fernando Ónega. KIKO HUESCA
photo_camera Fernando Ónega. KIKO HUESCA

Os Ondas 2020 distinguiron a traxectoria do xornalista galego Fernando Ónega (Pol, 1947) na categoría de radio e a dos cantautores Joaquín Sabina e Luís Eduardo Aute na de música, segundo anunciou este mércores desde os estudos de Ràdio Barcelona - Cadena Ser o secretario xeral dos premios, Jaume Serra. A entrega dos galardóns "queda aprazada ata que as circunstancias o permitan" pola situación sanitaria derivada da pandemia de coronavirus. 

A 67 edición recoñece tamén ao exfutbolista e comentarista deportivo Michael Robinson a título póstumo, o programa de cociña Masterchef de RTVE e a serie Patria de HBO.

A lista de premiados coas Ondas Nacionais de Radio complétana os espazos deportivos de fin de semana o Carrusel Deportivo de Cadena Ser e Tiempo de juego de Cope. En televisión, a distinción recaeu na correspondente de TVE en Asia Mavi Doñate, a serie Mira lo que has hecho de Movistar+ e o Telexornal 2 especial 'Volta ao cole' de RTVE, entre outros. 

Os Premios Ondas 2020 bateran a súa marca de participación e superaron as 490 candidaturas procedentes de todo o mundo. 

Comentarios