sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

O Arsenal despídese de Unai Emery

Unai Emery. CHRISTOPHE PETIT TESSON (EFE)
Unai Emery. CHRISTOPHE PETIT TESSON (EFE)
Os Gunners confirmaron este venres a destitución do técnico español tras a serie de malos resultados

O Arsenal confirmou este venres a marcha do técnico español Unai Emery, debido "a que os resultados e o rendemento do equipo non foron os esperados".

O sueco Freddie Ljungberg asumirá a dirección do equipo como adestrador interino mentres o club continúa o proceso de procura dun novo técnico.

O despedimento do adestrador español chega xusto logo da derrota ante o Eintracht de Frankfurt na Liga Europa. Nun encontro que o Arsenal chegou a ir gañando ao descanso, os Gunners terminaron perdendo ante un Emirates Stadium practicamente baleiro, conseguindo o seu sétimo partido consecutivo sen gañar. Esta é a peor serie de resultados do Arsenal desde 1992.

"O noso agradecemento máis sincero a Unai e aos seus compañeiros que traballaron incansablemente para facer ao equipo competitivo", engadiu Josh Kroenke, director do Arsenal.

Emery chegou ao Arsenal en 2018, logo de terminar a súa andaina de dous anos no Paris Saint Germain. Sobre el recaía a tarefa de suceder no banco do Emirates a Arsene Wenger, quen pasou 22 anos ao mando do Arsenal.
Con todo, na súa primeira tempada ao cargo, non foi capaz de clasificar ao equipo para a Liga de Campións, o que supuxo o terceiro ano fóra da máxima competición continental. Nas copas domésticas tampouco chegou lonxe e só a liga Europa puido salvar a tempada, pero perderon na final ante o Chelsea.

Esta tempada, as cousas non marchaban moito mellor para o Arsenal, que se asenta na oitava posición da táboa, con 18 puntos, o que supón estar a oito de distancia dos postos de Champions League, superado por clubs como o Sheffield United, o Burnley e o Wolverhampton Wanderers.

Logo do seu exitoso palmarés no PSG, onde conquistou sete cordóns nacionais, e no Sevilla, gañando tres Europa League, Emery márchase do Arsenal sen conseguir ningún título.

O Arsenal despídese de Unai Emery
comentarios